Documento Nacional de Identidade

Documento Nacional de Identidade

Documento acreditativo da personalidade individual do seu portador e titular. É obrigatorio para todos os cidadáns españois desde que cumpren catorce anos e voluntario para os menores. Expídeo o Ministerio do Interior a través dos equipos do DNI das comisarías do Cuerpo Nacional de Policía ou nas comandancias da Guardia Civil. Contén os datos persoais (nome e apelidos, sexo, data e lugar de nacemento, domicilio e filiación), unha fotografía, a sinatura do seu titular, os datos relativos á autoridade que o expide e un número, que é inmutable, permanente e intransferible. O documento debe renovarse periodicamente cada cinco ou dez anos, en función da idade do titular. A partir dos setenta anos é perpetuo. O DNI estableceuse polo Decreto de 2 de marzo de 1944. Ata a década de 1980 incluíanse entre os datos que recollía a profesión e o estado civil; as pegadas dixitais e o grupo sanguíneo permaneceron entre os datos que se incluían no documento ata 1990, cando se remodelou o seu formato, de xeito que incluíu o número de identificación fiscal, e a fotografía e a sinatura do titular pasaron a incorporarse por impresión informática. As pegadas dixitais séguense a recoller no momento de formalizar a entrega da documentación no local establecido para tal efecto, pero non se reproducen no DNI. Desde marzo de 2001 os expedidos nas comunidades autónomas que posúen unha lingua cooficial xunto co castelán son totalmente bilingües (os datos exprésanse nas dúas linguas cooficiais).

Palabras veciñas

documentalista | documentar | documento | Documento Nacional de Identidade | documentónimo | Docurro | Dodd, Charles Harold