Doiras, castelo de ou de Ponte de Doiras, Ferreira ou da Ferreiría
Fortaleza situada en Vilarello (Cervantes), á beira do río Cancelada, sobre un outeiro rochoso de difícil acceso. Construíuse no s XV e pertenceu ao conde de Grajal de Campos, señor de Cervantes. De planta rectangular, conserva no muro sur a torre da homenaxe, tamén rectangular. Os muros son de cachotería de lousa e coroáronse con ameas. A porta de acceso á torre comunica co patio de honra e ten un arco de medio punto. Relaciónase coa lenda da muller cervo que narra a historia dunha doncela que desapareceu do castelo e que foi dada por morta pola súa familia. Un día, o seu irmán matou unha cerva branca e gardou unha das súas patas no seu zurrón e, ao chegar á casa, en lugar da pata atopou unha man de muller cun anel semellante a un dos da súa irmá, entón regresou ao lugar no que deixara a cerva e atopou o corpo da irmá. Cóntase que a doncela se converteu en cervo para ser protexida do bosque. En 1994 foi declarado Ben de Interese Cultural.