Draco
Xénero de réptiles, da familia dos agámidos, de ata 25 cm de lonxitude. Caracterízanse por presentar unha pregadura cutánea que, ao estendela, grazas a unhas costelas extremadamente longas, serve para realizar voos planadores entre as árbores das selvas tropicais onde habita. Estas extensións cutáneas son de cores vistosas, pola parte superior -amarelas, laranxas ou vermellas- e, as máis das veces, de cores claras -azuis- con puntos brancos ou negros, por debaixo. Permanecen na copa das árbores a maior parte da súa vida e só as femias descenden ao nivel do chan para realizar a posta. Existen 16 especies entre as que destacan: D. melanopogon, distribuída por Malaca, Sumatra e Borneo; D. volans, presente en Filipinas e dende Malaisia ata Indonesia; e D. dussumieri, propia da India meridional. Reciben a denominación popular de dragóns voadores.