Eastman Kodak Company

Eastman Kodak Company

Empresa norteamericana fundada en 1892 por George Eastman. Líder mundial da industria fotográfica, dedícase principalmente á produción de cámaras fotográficas, películas, proxectores, fotocopiadoras, impresoras e outros equipos de oficina, amais de plásticos e produtos farmacéuticos. A compañía tivo a súa orixe na Eastman Dry Plate Company, creada en 1881 por George Eastman e Henry A. Strong. En 1892 revolucionou o mundo fotográfico ao introducir o papel Solio. En 1898 lanzou ao mercado a predecesora das cámaras modernas, a Kodak Folding Pocket, que acompañou a película Kodak Non-Curling (1903). En 1911 inaugurouse a Hamk Eye Works de Rochester na que se deseñan e fabrican os aparatos ópticos da compañía. A partir de 1917, coincidindo coa Primeira Guerra Mundial, desenvolveu as primeiras cámaras para fotografías aéreas. En 1923 comercializáronse as cámaras Cine-Kodak e o proxector Kodascope para afeccionados á cinematografía, que melloraron as súas funcións coa película Kodacolor de 16 mm (1928). A revolución para o mundo da fotomecánica e do fotogravado tivo lugar coa comercialización dos materiais Kodalith (1931). En 1932 lanzáronse ao mercado as películas, cámaras e proxectores de 8 mm para afeccionados. En 1934 introduciu o microfilme de 35 mm, básico para a conservación de información dos xornais nas hemerotecas. Ademais do primeiro proxector sonoro de 16 mm, desenvolveu as películas en cor Kodachrome (1935), Kodacolor (1942), Ektachrome (1946), Kodak Tri-X (1954) e Kodacolor UR100 (1982). Despois comercializou as cámaras Kodak Motormatic 35 (1960), Kodak Instamatic (1963), Tele-Instamatic 608 (1975), Kodak Instant EK 100 (1978) e as cámaras dixitais DCS (1991), a Kodak Professional EOS DCS5 (1995) e DCS 520 (1998). As primeiras imaxes da chegada do home á Lúa obtivéronse cunha estereocámara Kodak, manexada por Neil Amstrong e Buzz Aldrin (1969). En 1983 comezou a produción de discos flexibles para ordenador e cintas de vídeo de 8 mm, Beta e VHS. En 1990 desenvolveu o sistema Photo CD para ordenadores e, dous anos máis tarde, o Advanced Photo System. A partir de 1994 lanzou ao mercado as cámaras Fun e Cameo dun só uso e comezou a reciclaxe masiva de cámaras nas súas plantas industriais especializadas. En España, Kodak SA comezou as súas actividades en Madrid (1913) e Barcelona (1914). Ademais da sede principal da compañía, situada en Rochester, Nova York, as súas principais factorías están en Kingsport (Tennessee), Peabody (Massachusetts), Chicago (Illinois) e Longview (Texas), nos EE UU. Posúe centros de produción en Francia, Reino Unido, Alemaña e Australia. Cunha facturación que supera amplamente os 15.000.000 millóns de dólares, conta con máis de 30.000 tendas en todo o mundo, das que 300 están instaladas en España, 5 delas en Galicia.