ebanista

ebanista

(<ébano)

s

Carpinteiro de taller que realiza un traballo fino e coidado. Encárgase de axustar as pezas e, ao mesmo tempo, poñer un toque de arte nas formas e motivos que talla, especialmente na moblaxe e retablos. A madeira que acostuma empregar é a de ébano, nogueira e castiñeiro, traballada con ferramentas como as trenchas, os cepillos de moldura e o torno. Este traballo artesanal do ebanista, que ten un fin máis decorativo ca práctico, tomou o seu nome da madeira de ébano, utilizada para a construción de mobles dende a Antigüidade. As madeiras empregadas deben ser duras, compactas, uniformes e dunha fibra densa. Ademais do ébano, trabállanse, entre outras, a madeira de nogueira, aciñeira, carballo, acivro, ciprés e pereira. As imperfeccións da madeira trátanse de diferentes xeitos para disimulalas e conseguir unha presenza máis vistosa. Entre outras técnicas destacan os revestimentos con xeso e pintura, os chapados con outras madeiras preciosas e o emprego de enteados. Para a súa decoración empréganse, entre outros métodos, o modelado co torno, a talla, o lacado, o lucido, o dourado e os estucos. Consérvanse mobles do antigo Exipto e de Mesopotamia, aínda que a especialización do oficio se acadou no Imperio Romano co emprego de ferramentas variadas. Trala paréntese da Idade Media, a construción con materiais nobres e ricos desenvolveuse na Italia do s XV, coa creación de gremios especializados que ditaban as normas de construción referentes tanto ás medidas dos mobles como aos materiais empregados. Non obstante , dende a segunda metade do s XV, as elites da sociedade encargaban mobles que non se axustaban a estas normas. Cómpre salientar os ebanistas franceses dos ss XVII e XVIII.

Palabras veciñas

EAT | Eban | Eban, Aubrey Solomon | ebanista | ebanistería | ébano | Ebbinghaus, Hermann