ébano

ébano

(< lat ebĕnu < gr ἕβενος)

  1. s m [PLANTA]

    Árbore, da familia das ebenáceas, apreciada pola elevada densidade da súa madeira, superior a 1; polo tanto, non flota na auga e faina moi dura e difícil de cortar e cravar. O gran da madeira é moi fino, polo que resulta crebadiza, pero dá un bo acabado ao puíla. As especies máis apreciadas son as que presentan a madeira de cor escura. Son grandes árbores, de ata 20 m altura, de follas coriáceas de cor verde escura e flores verdosas cos estames soldados ás corolas simpétalas que dan lugar a froitos en baga. A maior parte dos ébanos pertencen ao xénero Diospyros. Forman parte dos bosques tropicais onde aparecen de xeito illado. Existen unhas 400 especies, das que 71 son africanas, especialmente de Guinea e do Congo. Tradicionalmente, empregábase para a talla de figuras e esculturas de alto valor relixioso ou para mobles de pezas ensambladas, tamén pezas de violín, bocas de instrumentos de vento, teclas negras dos pianos, paos de percusión e castañolas; amais de obxectos de luxo como pipas e tacos de billar.

  2. s m

    Madeira desta árbore.

    Ex: Os mobles da sala son de ébano.

  3. adx

    Aquilo que ten unha cor negra, intensa e brillante coma a do ébano.

    Ex: Ten o cabelo de ébano.