ecosistema
(< 1 eco- + sistema)
Unidade funcional complexa, constituída por elementos físicos (biotopo) e biolóxicos (biocenose). A ciencia que estudia a estrutura, o funcionamento e a evolución dos ecosistemas é a ecoloxía. En 1935, Tansley introduciu o termo de ecosistema para designar as unidades naturais básicas da biosfera. Nun ecosistema pódense distinguir dúas partes, a estrutura, que fai referencia a cómo aparecen dispostos os seus compoñentes e as condicións que o caracterizan en cada momento (número de especies, distribución, etc), e a función, que fai referencia ás interaccións entre os seus compoñentes, bióticos e abióticos, que son, esencialmente, as relacións de intercambio de materia e de enerxía. Nun ecosistema sempre existen unha serie de niveis de alimentación ou niveis tróficos, que comezan cos produtores primarios ou autótrofos (plantas e outros organismos verdes), que captan a enerxía solar grazas á súa actividade fotosintética e a converten en enerxía química, polo que producen a súa propia materia orgánica. Estas plantas son devoradas por outros seres vivos que forman o nivel trófico dos consumidores primarios (os herbívoros), e estes á vez son devorados polos consumidores secundarios (os carnívoros de primeira, segunda ou, de cando en vez, de terceira orde), desta maneira, a materia orgánica producida polos produtores primarios pasa ao longo da rede trófica, e cada nivel convértese nun paso no uso da enerxía inicial. Pero as cadeas alimentarias non acaban cos consumidores secundarios, senón que existen os descompoñedores ou degradadores (bacterias e fungos) que teñen un papel esencial nesta circulación ao encargarse de pechar o ciclo da materia, devolvendo ao medio os elementos que as plantas extraeron ao comezar o proceso. Os ecosistemas funcionan grazas a un fluxo de enerxía que vai dun nivel a outro, sempre nunha soa dirección, dende o Sol aos descompoñedores pasando polos produtores. A enerxía entra no ecosistema en forma de enerxía luminosa e sae en forma de enerxía calorífica. No ecosistema tamén se poden localizar uns ciclos de osíxeno, carbono, hidróxeno, nitróxeno, xofre, etc. Os ecosistemas poden ser de moitas clases, dende un océano ou un bosque, ata unha mazá en descomposición, e non están illados uns dos outros, senón que existe un intercambio entre eles, de tal maneira que os límites son, en boa parte, arbitrarios e, en conxunto, toda a biosfera se pode considerar un único grande ecosistema.