educación
(< lat educatĭône)
-
s
f
Adecuación do comportamento dunha persoa ás normas de trato social. OBS: Xeralmente, vai modificado con adxectivos como boa ou mala, e de non ir modificado, ten o significado de ‘boa educación’.
Ex: Sempre se distinguiu pola súa boa e refinada educación. É de mala educación cuspir no chan. Debes pedir permiso con educación.
Confrontacións: cortesía, urbanidade. -
s
f
Desenvolvemento ou perfeccionamento dunha facultade, función ou capacidade.
Ex: Debe fomentarse a educación da memoria. A educación da súa voz permitiulle cantar coma os anxos.
-
[EDUC]
-
ciencias da educación
ciencias da educación.
-
educación ambiental
Conxunto de programas e proxectos formativos que crean unha conciencia ecolóxica co obxectivo de promover a relación responsable entre a sociedade e a natureza, e encamiñar a sociedade cara a unha conduta consciente dos problemas ambientais. En Galicia existen numerosas experiencias pedagóxicas encadradas neste tipo de tentativas, que deron lugar á realización de encontros e de distintas publicacións. Estas iniciativas promovéronse desde o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, as plataformas de preocupación educativa e ambientalista ou desde o propio sector editorial.
-
educación antiautoritaria
Concepción non autoritaria da educación, que se dirixiu a partir dos anos sesenta do s XX contra o tradicionalismo e o autoritarismo educativo, baixo a influencia da escola de Frankfurt e da psicoloxía profunda (E. Fromm, W. Reich e A. S. Neill).
-
educación compensatoria
Educación que comprende medidas para superar ou minorar desvantaxes lingüísticas ou intelectuais de nenos e mozos, a maioría das veces condicionadas socioculturalmente.
-
educación de adultos
Educación que se lles dá, en particular, a persoas que non puideron recibir formación elemental en idade escolar. Consiste xeralmente na alfabetización e no ensino de rudimentos técnicos. Tamén se denominan así os estudios e as actividades voluntarias feitas polos adultos co fin de desenvolver as súas capacidades e poder asumir responsabilidades individuais e sociais; igualmente, o traballo de formación permanente, a extensión cultural e a reciclaxe. Pouco antes da Segunda Guerra Mundial, puxéronse en práctica todas as técnicas existentes para que este tipo de educación chegase á xente: teatro, radio, stages, sesións de estudio, etc; editáronse obras especializadas e, en 1949, a UNESCO organizou a Conferencia Internacional de Educación de Adultos en Elsinor (Dinamarca) e, en 1960, a Conferencia da Educación de Adultos en Montréal (Québec, Canadá). En España, a LOXSE (9/1990 do 24 de xullo) sinala, no seu título terceiro (artigos 51-54), os seus principais obxectivos, actividades e recursos. Ademais, engade que esta educación pode ser impartida en centros ordinarios de primaria, secundaria ou superior, en centros específicos ou mediante a acción de ensino a distancia. En Galicia, o Consello Galego de Educación e Promoción de Adultos é o órgano asesor para a coordinación e o seguimento dos programas e para a intervención das distintas institucións que participan no proceso. As súas funcións son: a definición dos programas; a delimitación dos núcleos de formación instrumental, ocupacional e persoal que os integran; e a planificación, coordinación e impulso de todas aquelas actuacións que favorezan a colaboración das institucións culturais e profesionais nese ámbito ou calquera outra actuación que se inclúa no seu ámbito de competencia.
-
educación especial
Tratamento educativo encamiñado a conseguir a integración social das persoas con deficiencias físicas, psíquicas ou sensoriais. Os seus obxectivos son: a supresión das deficiencias e as súas consecuencias; a adquisición de coñecementos e hábitos que favorezan a total autonomía da persoa con deficiencias; a promoción de todas as capacidades para o desenvolvemento harmónico da súa personalidade; e a incorporación á vida social e a un sistema de traballo que permita que estas persoas se realicen. Esta educación poderá darse en centros específicos de educación especial e en todos os centros educativos de ensino non universitario que están obrigados, pola LOXSE, a ter aulas de educación especial. Existe en Galicia unha rede de asociacións, que abrangue familias, docentes e investigadores, que centra os seus esforzos na educación especial. Estas asociacións promoveron, sobre todo a partir dos anos oitenta do s XX, actividades de encontro, de estudo e de difusión das novas perspectivas da educación especial.
-
educación física/ deportiva
Conxunto de exercicios musculares, concibidos dentro dun programa educativo, que busca a mellora física do individuo, formando e conservando o seu corpo san, vigoroso, harmónico e útil, ao mesmo tempo que o somete a unha disciplina moral e mental. É unha materia obrigatoria nos niveis do ensino primario e secundario. O profesorado que os imparte debe posuír a especialización correspondente nunha Escola Universitaria de Formación do Profesorado ou ben ter feitos os seus estudios no Instituto Nacional de Educación Física (INEF).
-
educación formal
Conxunto de accións educativas ou escolares que están explicitamente incluídas nos niveis e tipos ordinarios de escolaridade (infantil, primario, secundario, superior, etc).
-
educación intercultural
Educación de alumnos de diferentes culturas, seguindo uns programas e procesos didácticos revisados, para dar acollida a perspectivas culturais integradoras elaboradas desde o relativismo cultural, aínda que partindo da base axiolóxica dos valores humanos internacionalmente definidos.
-
educación non formal
Conxunto de accións educativas ou instrutivas que non están explicitamente incluídas nos niveis e tipos ordinarios de escolaridade (infantil, primario, secundario, etc).
-
educación para a paz
Educación que intenta contribuír á supresión da violencia en todos os ámbitos sociais e fomentar a acción autónoma e democrática, a xustiza social e a liberdade política no contexto nacional e internacional. Coma noutros casos, desenvólvese sobre todo a través de proxectos interdisciplinarios e transversais. En Galicia iniciou esta preocupación o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega no mesmo ano da súa creación (1983). Desde aquela desenvolveu numerosas actividades, entre as que cómpre destacar os Encontros Galego-portugueses de Educación para a Paz, e iniciou tamén diversas publicacións, como o Boletín Novapaz. Posteriormente, creouse o Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP, 1985), promovido por profesores de todos os niveis educativos, que ten, entre outros, o obxectivo de promover a educación para a paz nos centros educativos e na sociedade en xeral e, ao mesmo tempo, contribuír á formación inicial e permanente do profesorado. Por outra banda, organiza encontros e bota a andar diversas publicacións, ademais da convocatoria anual dos Premios Portapaz.
-
educación permanente
Educación que se realiza durante toda a vida do individuo, coa finalidade de completar a súa formación inicial, para reciclarse ou como desenvolvemento global da persoa. Esta denominación foi adoptada pola UNESCO en 1965.
-
educación popular
Movemento socioeducativo que acadou certa extensión e relevancia nos anos sesenta e setenta do s XX. Naceu vinculado a procesos de loita política de orientación de esquerdas como estratexia mobilizadora en contextos sociais deprimidos. Xurdiu para facilitar, á marxe dos circuítos educativos dominantes, unha oportunidade formativa a sectores de poboación con déficits culturais, que actuaban como barreira que lles impedía asumir unha percepción clara da súa condición social oprimida. Máis alá dos enfoques tradicionais da educación de adultos, limitados á instrución en habilidades numéricas e lectoescritoras, as iniciativas educativas deste movemento engaden ás aprendizaxes básicas o fin principal de espertar nos suxeitos unha conciencia crítica sobre a súa realidade persoal e social e sobre os resortes dos que se vale o poder establecido para marxinalos, como paso previo para motivar a súa participación activa e politicamente comprometida na transformación desa realidade. O pensamento pedagóxico de Paulo Freire e as prácticas educativas emancipadoras nel inspiradas, constitúen un referente básico para a educación popular. En Galicia, nos anos finais do franquismo e arredor do movemento católico da igrexa de base (Cristiáns polo Socialismo, Coloquios de Parroquias e outras organizacións), comezáronse a emprender iniciativas interesantes de educación popular; iniciativas que en diversos casos se estenderon posteriormente no período democrático, sobre todo a través do movemento veciñal e, en particular, nos espacios urbanos máis marcados polo movemento obreiro e nalgúns segmentos rurais.
-
educación sexual
Educación que pretende ilustrar sobre a mediación cultural, social e política da relación individual e social co sexo e conducir a unha configuración consciente, satisfactoria e responsable da propia sexualidade, como dimensión da personalidade e dunha educación integral.
-
educación social
Conxunto de iniciativas, experiencias e prácticas educativas que, ao tempo que se contextualizan en diferentes realidades sociais (grupos, institucións, comunidades, etc), promoven accións socioeducativas de natureza complexa e interdisciplinar. En xeral, pretenden contribuír ao desenvolvemento integral das persoas e da convivencia social, enfrontando necesidades e problemas que xorden no marco da vida cotiá. Como praxe pedagóxica comparte obxectivos e criterios metodolóxicos propios dun traballo social reflexivo, crítico e construtivo, mediante procesos educativos orientados á transformación das circunstancias que limitan a integración social das persoas, unha mellora significativa do seu benestar colectivo e, por extensión, a súa lexítima aspiración a unha maior calidade de vida. Como práctica educativa multidimensional, articúlase en diferentes ámbitos e áreas de actuación, entre as que ocupan un lugar preferente aquelas que se relacionan coa educación especializada (inadaptación e marxinación sociais), o tempo libre e a animación sociocultural, a educación permanente e o desenvolvemento comunitario, e a formación laboral. A educación social configura unha das titulacións universitarias de primeiro ciclo nas universidades españolas, seguindo unha tradición europea consolidada. Nesta perspectiva destaca, desde finais dos anos oitenta do s XX, a facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Os titulados universitarios en educación social asumen a miúdo tarefas educativas, ben en programas socioeducativos de orientación integradora ou ben a través de experiencias emerxentes impulsadas desde as administracións locais, configurando novas manifestacións de reforma educativa en Galicia.
-
educación vial
Educación para coñecer o tránsito automobilístico, as regras que o rexen e a condución de vehículos. Non se recolle como disciplina específica nos plans de estudios, pero si se recolle como disciplina transversal coa implantación da LOXSE.
-
filosofía da educación
Reflexión sistemática sobre os ideais e as finalidades educativas e pedagóxicas e tamén sobre a licitude mesma de educar; así discute por exemplo, a lexitimidade da intervención educativa das autoridades públicas ou a posición que os educadores deben adoptar en canto ao feito da transmisión cultural.
-
s
f
Proceso de desenvolvemento/ perfeccionamento e de inculcación/asimilación cultural, moral e condutual co que se pretende lograr a madureza dos individuos e a súa competencia para participar na vida social, así como tamén que as xeracións novas se incorporen e asimilen ao patrimonio cultural global dos adultos dunha sociedade. A educación é, polo tanto, nunha acepción ampla, o conxunto de influencias do contorno que incide na transformación do comportamento dos individuos que as sofren, e, nunha acepción restrinxida, alude ás influencias explícitas e intencionais, a modo de accións, planeadas e realizadas sistematicamente sobre nenos, mozos e adultos. A análise etimolóxica pon de manifesto que o termo educación provén do verbo latino educāre (‘guiar’, ‘orientar’), aínda que tamén se recolle sistematicamente o verbo latino educēre (‘facer saír’, ‘dar á luz’) e, consecuentemente, asúmese que a educación é tanto dirección (intervención) como desenvolvemento (perfeccionamento). Entendida como proceso de aprendizaxe asegura a supervivencia individual e a grupal, dada a indeterminación biolóxica do home ao carecer de respostas adecuadas ás situacións vitais coas que se atopa. É, pois, un proceso exclusivamente humano de construción persoal -e social- de acordo cuns patróns referenciais socioculturais. Un proceso que require a intervención dunha persoa sobre outra, esixe a presenza dunha finalidade -ou patrón ideal- que oriente o proceso e a acción, e unha intencionalidade substantiva no proceso educativo. A educación fai referencia ao perfeccionamento humano ata conseguir a máxima capacidade de elección/decisión sobre as súas condutas. É un proceso gradual e integral que, como tal, se refire á persoa como unidade, de modo que as expresións diferenciais (educación social, intelectual, artística, etc) só indican acentos de dimensións pois todos inclúen o proceso integral. Ademais é un proceso activo do suxeito que se educa, que “se constrúe”, e chega a identificarse co desenvolvemento vital. Como acción humana é constante motivo dunha reflexión coa que se tenta descubrir/elaborar a “normatividade” de tal acción, a través das diversas ciencias da educación, e particularmente da pedagoxía e da didáctica, intervindo nela ademais dos educandos, os profesores, os pais e as nais, e outros educadores que, en múltiples ocasións, forman parte de actuacións e intervencións das administracións públicas e doutras institucións, canalizadas a través dos sistemas educativos e das escolas. Alén das accións educativas específicas e intencionais, existen outros procesos complementarios dos anteriores, coas súas múltiples accións derivadas que se engloban baixo o concepto de socialización. É no contexto da socialización nun determinado marco sociocultural onde teñen lugar os procesos educativos, que para seren exitosos precisan contemplar as necesidades, as motivacións e as experiencias de quen se educa, a partir do funcionamento combinado dos valores e normas de educadores e sociedade, da capacidade e calidade pedagóxica da intervención destes educadores e do recoñecemento persoal e asimilación activa por parte dos educandos. A educación é, por outra parte, un fenómeno complexo e pleno de historicidade, do que deriva a diversidade e mesmo a contraposición teórica e a multiplicidade de modelos que aquí se suscitan. Nas sociedades contemporáneas a educación está considerada como unha das institucións sociais máis transcendentes, e o dereito á educación foi paulatinamente constitucionalizado. Ao seu arredor desenvolvéronse os sistemas educativos de forte carácter público, as políticas, administracións e lexislación escolares, constitución de corpos profesionais técnicos, centros de investigación e de formación, e axencias e empresas ao servizo do desenvolvemento educativo. Tamén se consolidou unha complexa rede institucional, política e académica internacional arredor do desenvolvemento educativo, impulsada tanto pola UNESCO e as súas axencias especializadas como por centros de investigación de carácter universitario, e a través de múltiples publicacións e intercambios científicos e políticos.
-
ciencias da educación
Refráns
- A arboriña, dende pequeniña; a arborecha, dende pequerrecha.
- A besta boa dálle vara e espora.
- A estopa, como é fiada; a moza, como é criada.
- A letra con sangue entra.
- A moita liberdade bota a perder ás veces a mocidade.
- A moza como é criada, a estopa como é fiada.
- a neno, súa nai castígueo, límpeo, fárteo; e, se non quere calar, déixeo chorar.
- a que ameaza ao cabalo, ás veces faino malo.
- Aprende chorando e sairás gañando.
- Bo exemplo e boas razóns gañan moitos corazóns.
- Cada un é segundo se cría e na boa crianza está a fidalguía.
- Cando o vello é gaiteiro ¡que fará o mozo solteiro!
- Co pau, o bo faise mellor e o malo peor.
- De becerro verás o boi que terás.
- fillo mimado, fillo mal criado.
- Máis"te quero ver morto que torto.
- Nai facendosa fai a filla preguiceira.
- Nai moi goberneira, filla preguiceira.
- Neno criado por avó nunca foi bo.
- Neno criado por avó nunca poderá ser bo.
- Non hai mellor razón cá do pau.
- Non hai razón coma a do bastón.
- Ó bo, por amor; e ao malo, por temor.
- O cardo que ha de picar, xa espiñas trae ao nacer.
- O neno moi regalado sempre anda enfurruñado.
- O neno, castigalo de pequeno.
- O neno, castigalo de pequeno.
- O que no berce se aprende, só na cova se esquece.
- O que no berce se.aprende, tarde ou nunca se esquence.
- O que no leite se mama, na mortalla se derrama.
- O que no leite se mama, tarde ou nunca se esquece.
- Os nenos, castigalos de pequenos; que, despois que crecen, non hai castigo para eles.
- Para o fillo máis querido o mellor regalo é o castigo.
- Quen de mozo bailou ben, de vello inda Ile dá un xeito.
- Quen malas mañas ten no berce, tarde ou nunca as perde.
- Se moito as gabas e regalas, as boas fillas volveralas malas.
- Se o neno empeza a chorar, acaloumíñeo súa nai; e, se non quere calar, déixeo chorar.
- Vale máis tunda de pai que acariño de amo.
- Vezaches as túas fillas de solteiras e enchéronse de herbas as tú as leiras.
- ¿Criaches e non ensinaches? Non criaches.