Ejército Zapatista de Liberación Nacional
Grupo guerrilleiro do estado de Chiapas (México) creado en 1969. Seguiu os ideais de Emiliano Zapata que reivindicaba terra, pan e liberdade para os indíxenas. Desde o 1 de xaneiro de 1994 reiniciou as súas actividades dirixido por unha pequena cúpula militar encabezada polo subcomandante Marcos e co apoio de todas as comunidades indíxenas. Pódense apuntar como causas desta nova sublevación: a marxinación dos grupos indíxenas, a forte presenza do racismo como elemento do ámbito cultural dos grupos sociais dominantes, unido ao agravio e a vexación das comunidades indíxenas con respecto ao seu pasado histórico, a súa resistencia secular contra os caxtlanes (brancos e mestizos) e a necesidade de tomar unha iniciativa que os sitúe de novo na historia contemporánea. Os numerosos enfrontamentos entre o exército e a guerrilla levaron ao goberno a decretar o alto o fogo (12.1.1994). Coa mediación do bispo Samuel Ruíz negociouse unha saída pacífica e asináronse o 12 de febreiro de 1996 os Acuerdos de San Andrés (ASA), que recoñeceron aos pobos indíxenas o carácter de suxeito xurídico colectivo, con autonomía para gobernarse polos seus sistemas normativos, exercer as súas formas de representación popular, administrar os recursos naturais do seu territorio en coordinación co Estado e definir os temas e as formas do ensino para os seus pobos. En setembro de 1997, o EZLN anunciou a creación de Frente Zapatista de Liberación Nacional (FZLN) como brazo político do zapatismo, despois dunha parálise nos acordos asinados co goberno de Ernesto Zedillo. O proceso estancouse e os zapatistas responderon negativamente ás proposicións de autonomía limitada en materia de dereitos e cultura feitas polo goberno en marzo de 1997 coa elección, en xullo do 2000, do candidato da Alianza por el Cambio Vicente Fox como presidente, o EZLN aproximou posturas e desbloqueou o diálogo. En decembro do 2000 o subcomandante Marcos aceptou as propostas de paz do presidente a cambio da liberación dos presos zapatistas e o cumprimento dos Acuerdos de San Andrés. En febreiro do 2001, o EZLN iniciou unha marcha pacífica desde San Cristóbal de las Casas ata a Ciudad de México co fin de que o goberno realizase unha reforma constitucional na que se recoñecesen os dereitos dos indíxenas mexicanos. O EZLN rexeitou en xuño de 2001 a lei sobre dereito e cultura indíxena, polo seu desacordo co conxunto de emendas introducidas polo congreso mexicano.