electroacústica
(
Técnica que ten por obxecto as relacións entre as manifestacións sonoras da enerxía e as súas manifestacións eléctricas. Ten unha gran relación coa electrónica. Basicamente, a electroacústica comprende: o estudo e a determinación da sensación sonora producida por un transdutor electroacústico, sensación que comeza no tímpano e chega ao cerebro e, xa que logo, á conciencia; a historia, os fundamentos e as técnicas dos transdutores electroacústicos, como altofalantes, cápsulas fonocaptoras, cabezais magnéticos ou micrófonos; o estudo das formas de gravación do sinal acústico, como discos, cintas magnéticas, fíos magnéticos ou impresións fotoeléctricas como as que se usan nas películas sonoras; as normas internacionais que deben seguir os aparatos correspondentes; o estudo das formas de transmisión do son, que inclúe as formas de emisión, as técnicas de recepción e as maneiras de transmitir; e, por último, comprende o estudo dos aparatos encargados de conformar o sinal eléctrico para adecualo ás características do transdutor e, deste xeito, podelo reproducir acusticamente ou, en sentido inverso, o sinal eléctrico necesario para gravar un son. As técnicas de reprodución máis modernas, igual ca as normas que fixan os límites da calidade de reprodución, fixeron desenvolver unha parte da electroacústica chamada alta fidelidade. Forman parte da electroacústica os aparatos encargados da medida e do control do son ou do ruído, e os aparatos produtores de sons a partir de sinais puramente eléctricos, como os instrumentos musicais electrónicos.