electroanálise
(< electro- + análise)
Conxunto dos métodos eléctricos de análise química. Baséanse na medida do valor dalgunha ou dalgunhas magnitudes eléctricas que están relacionadas coa concentración da substancia problema. As magnitudes eléctricas que se miden son, basicamente, a diferenza de potencial entre os electrodos, a resistividade ou a súa inversa, que é a condutividade, e a intensidade, que corresponden á potenciometría, á condutimetría e á amperimetría, respectivamente. Noutros métodos, como a polarografía ou a voltamperometría, establécese a curva intensidade-voltaxe, e noutros, como a cronoamperimetría ou a cronopotenciometría, as características das curvas intensidade-tempo ou voltaxe-tempo, respectivamente. Un método analítico diferente é a coulombimetría, co que se mide a cantidade total de electricidade que se fai circular pola célula de electrólise. Na electrogravimetría non se mide ningunha magnitude eléctrica senón que se pesa a substancia sólida que se depositou por redución ou oxidación electroquímica da solución problema.