elfo

elfo

(

s m [MIT]

Espírito que poboa o aire, os bosques ou as covas na mitoloxía escandinava. De aparencia fráxil e delicada, viven durante centos de anos. Coñécense na tradición xermana e anglosaxona, e simbolizan as forzas do aire, do lume, da terra e dos fenómenos atmósfericos. De aspecto físico similar ao dos humanos, teñen orellas puntiagudas, pel pálida e ollos amendoados. Contan cunha grande habilidade no lanzamento de frechas e tamén practican a música, o baile e a poesía. Na súa orixe, son seres benéficos e puros; de feito, alfr procede dunha raíz indoeuropea que significaba ‘branco, claro, luminoso’, de aí que tamén reciban o nome de elfos da luz ou elfos brancos. Axiña se confundiron cos ananos maléficos e pasaron a recibir o nome de elfos negros ou elfos escuros e atribuíronlle un espírito malicioso, estreitamente emparentado coas fadas. No norte escandinavo, os elfos viven en Alfheim, unha das moradas celestiais que pertence ao deus Freyr, e posuían a ciencia da maxia e dos encantamentos; de feito, o nome da mandrágora, no antigo alemán dise albrüna e significa ‘segredo do elfo’.