Elipsis e outras sombras

Elipsis e outras sombras
[LIT]

Libro de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín publicado en 1974 co que o autor regresou ao relato curto tras un silencio narrativo de varios anos, só interrompido pola publicación de Retorno a Tagen-Ata (1971). O libro tivo unha segunda edición en 1983 na que Ferrín incorporou o conto que lle dá título ao volume, “Elipsis”, suprimido da primeira publicación por motivos de censura, como se explica no aviso inicial da segunda edición. Deste xeito, a edición completa de Elipsis e outras sombras consta de oito relatos encabezados por un que serve de prólogo “Impunidade” e outro que pecha o volume co título de “Epílogo. Ditadura das cousas”. “Prólogo. Impunidade” céntrase na continuidade ideolóxica entre un usureiro vilego, ignorante e reaccionario, e o seu fillo, un señorito que participará en diversos asasinatos fascistas. Os seis contos centrais, comezando por “Elipsis” constitúen seis variacións sobre o mesmo tema: a loita de clases. As clases sociais enténdense sempre coma castes, unhas mantedoras do sistema e outras sufridoras do mesmo. O ser humano aparece reducido, baixo condicionamentos de represión e resistencia, á condición de animal inferior, atrapado en tradicións, ritos e labirintos deseñados dende o poder. Os oprimidos viven instalados na derrota como unha condena perpetua pero, non obstante, a vinganza e o triunfo, como en “Elipsis”, pode chegar algún día para quen conserve intacta a cerna da propia identidade. O último conto, “Ditadura das cousas”, presenta na voz dunha muller burguesa a crítica ao exceso de atención á realidade por parte dos progresistas, ao tempo que cede ao consumo de miles de produtos e declara, finalmente, a súa rendición aos cartos, o produto rei da sociedade que adora. O volume constitúe un achegamento do autor ao realismo social e un ensaio dunha escrita máis complexa e difícil da que viña practicando ata esa data, para o que recorre ao emprego de crebaduras na sintaxe propias da corrente de conciencia, sobre un fondo temático no que predomina a rebeldía contra a orde fascista establecida e a violencia institucional e a represión feroz do franquismo.

Palabras veciñas

Eliot, Thomas Stearns | Elipando de Toledo | elipse | Elipsis e outras sombras | elipsógrafo -fa | elipsoidal | elipsoide