embióptero -ra

embióptero -ra

(< lat científico Embium, xénero de animais)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos embiópteros.

  2. s m [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da orde dos embiópteros.

  3. s m pl [ANIMAL/ENTOM]

    Orde de insectos, de ata 10 mm, alongados e de cor acastañada ou amarelenta, co abdome rematado en dous cercos segmentados. A cabeza conta con mandíbulas mastigadoras, antenas filiformes de entre 15 e 32 segmentos, ollos compostos con forma de ril, de maior tamaño nos machos, e sen ocelos. As patas teñen unha gran mobilidade, feito que lles permite desprazarse con igual facilidade cara a adiante que cara a atrás. Ademais, como característica única entre os insectos, teñen os tarsos das patas dianteiras engrosados e portan unhas glándulas produtoras de seda. Os machos presentan dous pares de ás de cor afumada. Son animais hemimetábolos, que durante o desenvolvemento larvario teñen un aspecto semellante ao dos adultos. Son animais gregarios que viven, baixo pedras e cortizas, en sistemas de tobos que fabrican coa súa seda. Rara vez abandonan estes niños e só se dispersan os machos, que morren pouco despois de copular, con femias doutras colonias. Agrandan, aos poucos, a súa vivenda para conseguir novas fontes de alimento, consistentes en restos orgánicos, vexetais e fungos. As femias coidan dos ovos e dos animais novos. A maior parte das 200 especies coñecidas son de distribución tropical ou subtropical, aínda que algunhas especies aparecen en latitudes máis temperadas. Na Península Ibérica están presentes as especies: Cleomia guareschi, Embium amadorae, Embium fuentei e Embium ramburi, da familias dos émbidos, e Haploembia palaui e Haploembia solieri, da familia dos oligotómidos. Reciben a denominación popular de tecedoras.

Palabras veciñas

embicar | embigo | embigueira | embióptero -ra | embiorrado -da | embizcar | emblema