Encarnación
Antropónimo feminino de orixe cristiá que alude ao misterio relixioso da Encarnación de Cristo, celebrado o día da Anunciación. Presenta a variante apocopada Encarna e o hipocorístico Choncha. Popularmente, a Virxe da Encarnación coñécese como a Nosa Señora das Merendas, porque sinala o comezo dos traballos no campo e, xa que logo, das merendas colectivas. Na iconografía represéntase do mesmo xeito ca a Anunciación: o arcanxo Gabriel descendendo das alturas cara á virxe que o contempla con cara de asombro; ás veces preside a escena unha pomba que representa o Espírito Santo. A súa festividade celébrase o 25 de marzo; agás en Vilanova de Arousa, onde se celelebra o domingo de Ramos. A Encarnación da Virxe é a festa do concello de Carballeda de Valdeorras e celébrana o día 8 de abril.