encíclica

encíclica

(

s f [RELIX]

Documento oficial do Sumo Pontífice dirixido á Igrexa universal, que se emprega para formular indicacións urxentes, aclarar puntos da doutrina ou formular opinións sobre situacións ou problemas que requiren unha toma de posición urxente. As encíclicas cítanse polas súas palabras iniciais en latín. Nos primeiros tempos do cristianismo tomaba a forma dunha misiva que se lles enviaba aos fieis, pero dende o pontificado de Benedicto XIV (1740-1758) convertéronse en actas papais, con forma epistolar, dirixidas a todas as comunidades eclesiásticas a través dos bispos. Con Gregorio XVI (1831-1846) xeneralizouse o uso das encíclicas, que acadou a súa máxima expresión con León XIII (1878-1903), quen escribiu 75, e que as converteu en instrumento de expresión doutrinal da Igrexa ante os problemas concretos do seu tempo, especialmente nas súas implicacións éticas e sociais. En función da materia que desenvolvan hai: encíclicas doutrinais, as que pretenden expor a doutrina da Igrexa ou clarificar opinións teolóxicas erróneas; encíclicas sociais, as aplicadas a varios problemas, como as relacións sociais, o traballo ou o desenvolvemento dos pobos; encíclicas exhortatorias, as que tratan cuestións espirituais; e encíclicas disciplinarias, as que se centran en cuestións do clero.