enciclopedia
-
s
f
-
Conxunto de todas as ciencias.
-
Libro escolar que contén un tratado de cada materia estudada na escola.
-
-
s
f
Recollida do contido das diversas disciplinas nunha soa obra. Este significado inicial e etimolóxico foi evolucionando co tempo ata designar a obra en que se expón, en artigos separados e con maior ou menor profundidade, o conxunto do saber, ben nunha materia determinada, ben en varias ou en todas as disciplinas en que se clasifica o coñecemento humano. Segundo a súa organización, as enciclopedias poden ser sistemáticas (metódicas ou temáticas), as primeiras en aparecer, e alfabéticas, máis recentes e frecuentes hoxe en día. Se a enciclopedia abrangue o conxunto de todas as disciplinas, dise que é xeral ou universal, mentres que se só recolle os coñecementos dunha determinada materia ou grupo de materias relacionadas, é especializada ou particular. As enciclopedias poden referirse a todo o mundo (o termo “universal” tamén pode referirse a isto) ou centrarse nun país, ou grupo de países, ou en entidades xeográficas máis pequenas. Existen enciclopedias en papel impreso, que inclúen polo xeral moitas ilustracións, e en soporte electrónico (CD-ROM), e tamén as hai que están organizadas como bases de datos en liña, de maneira que se pode acceder a elas a través da Internet. Fronte ao formato tradicional, estas enciclopedias de última xeración permiten incorporar elementos de audio e vídeo, así como facer buscas complexas e interactivas. Malia non seren identificables, moitas obras actuais que levan o rótulo de “enciclopedia” son, na práctica, dicionarios enciclopédicos (e á inversa), por canto inclúen todas as unidades léxicas da lingua, coas súas correspondentes definicións e un tratamento similar ao dos dicionarios de lingua. Neste sentido, adoita distinguirse entre a enciclopedia como “dicionario de cousas” ou “de materias” e o dicionario de lingua, que polo tanto sería un dicionario de palabras. Algunhas obras levan as dúas partes, a enciclopédica e a lingüística propiamente dita, separadas. Desde outra perspectiva, existen enciclopedias enfocadas a un público concreto, como poden ser os nenos ou os estudiantes dun determinado nivel educativo, e tamén as hai por materias dirixidas a un público restrinxido, composto por “iniciados”, pero boa parte das enciclopedias modernas, e desde logo as universais, van dirixidas a un público moi amplo. O seu obxectivo, cun importante compoñente didáctico, é presentar de forma clara e actualizada os datos fundamentais dos diferentes eidos do saber, de maneira que sexan comprensibles para todo o mundo e que poidan satisfacer igualmente os non iniciados e un público máis especializado. Han de ofrecer igualmente un equilibrio no tratamento das diferentes ciencias, técnicas ou artes. Algunhas enciclopedias recollen un apartado bibliográfico, ou inclúen xuízos críticos, mentres que outras prefiren unha presentación máis aséptica dos datos. Por último, hainas que parten dunha orientación moral, filosófica ou relixiosa moi definida. En canto á historia da produción enciclopédica, pode dicirse que, aínda que non recibisen a denominación de enciclopedia nin respondan exactamente á noción actual, existen obras con tendencia enciclopédica desde antigo. Durante a Antigüidade e a Idade Media, as enciclopedias clasificábanse por temas, non alfabeticamente, e incluían a miúdo extractos de obras de autores diversos. Recibían diferentes nomes como hortus, thesaurus, speculum, flores, compendium, epistemon, bibliotheca, imago ou summa e eran obra dun só autor. Estaban destinadas á lectura seguida ou ao estudo das súas partes; pola contra, as obras modernas, fundamentalmente a partir da Encyclopédie francesa, son froito do traballo dun amplo equipo e concíbense como obras de consulta e referencia. Aínda que, ás veces, se di que Aristóteles é o pai da enciclopedia, a primeira obra deste tipo parece que foi escrita polo filósofo grego Espeusipo, discípulo de Platón, no s IV a C, pero non se conserva ningún fragmento da mesma. Entre os romanos, pode considerarse a Marco Terencio Varrón (s I a C) como o primeiro enciclopedista; coa súa obra Disciplinarum libri IX, que trataba de gramática, dialéctica, retórica, xeometría, aritmética, astroloxía, música, medicina e arquitectura, aínda que só se coñecen algúns fragmentos citados por outros autores. A primeira enciclopedia que se conserva é a Historia naturalis de Plinio o Vello (s I), composta de 37 libros e moi utilizada polos estudiosos ata a primeira metade do s XVI; trata de cosmoloxía e astronomía, xeografía e historia, zooloxía, botánica e agricultura, medicina, xeoloxía, mineraloxía, metalurxia e arte. A partir desta época, en que a voz enciclopedia tiña o sentido de “conxunto de coñecementos”, deixará de usarse a palabra ata o s XVI. No s V, Marciano Capella reuniu nun libro de carácter alegórico, De nuptiis Philologiae et Mercurii, as sete ciencias ou artes liberais en que daquela se dividía o saber humano (gramática, dialéctica, retórica, xeometría, astroloxía, aritmética e música). Outra obra estimada durante moito tempo foi a de santo Isidoro de Sevilla, Etymologiarum sive Originum libri XX, de principios do s VII, parte da cal foi reelaborada no s IX por Rábano Mauro, arcebispo de Maguncia, e impresa por primeira vez co título de De Universo (1473?). En Bizancio, destacan as obras de Focio (857?) e Suidas (1000?). Modelo para obras posteriores foi o Speculum maius de Vincent de Beauvais (s XIII), composto de catro partes (Speculum historiale, naturale, doctrinale et morale) cun total de 80 libros, nos que resume os coñecementos da época. Entre 1260 e 1267 Brunetto Latini escribiu Li livres dou trésor, primeira enciclopedia escrita en romance, moi erudita e de carácter marabilloso. A ordenación alfabética das materias, tomada dos dicionarios de lingua, parece que foi introducida nas enciclopedias por Domenico Nani Mirabelli, coa súa Polyanthea (1503), pero as primeiras obras que incluíron a palabra no título foron Margarita philosophica enyclopaediam exhibens (1508), de Jacobus Philomusus, que a utiliza como sinónimo de artes liberais; Lucubrationes vel potius absolutissima kiclopaideia (1541), de Joachim Fortius Ringelbergh, e en sentido máis moderno, a Encyclopaedia seu orbis disciplinarum, tam sacrarum quam prophanarum epistemon (1559), de Paul Skalic. Cara aos mesmos anos, Thomas Elyot (The Governour, 1531) empregou a voz co sentido de “obra que comprende todas as ciencias e estudios liberais”, e François Rabelais tamén fixo uso dela en Pantagruel (1532). No s XVII, o termo deixou de utilizarse para obras de carácter pedagóxico e reservouse, sobre todo, para os tratados que abranguían coñecementos diversos. Tamén se advirte nesta época unha maior preocupación pola división das ciencias e das artes, aspecto no que sobresae Francis Bacon, que proxectou unha Instauratio Magna, en que se insire o Novum Organum (1620), primeiro intento de recompilar os coñecementos humanos de forma sistemática e desde unha orientación filosófica. No s XVII era xa habitual redactar este tipo de obras en lingua vernácula e as enciclopedias foron transformándose en obras de referencia, máis próximas ao dicionario. As primeiras con esta orientación foron Le grand ditionnaire historique ou le mélange curieux de l’histoire sacrée et profane (1674), de Louis Moréri, e o Ditionnaire historique et critique (1697), de Pierre Bayle, ambas as dúas organizadas alfabeticamente. Outra obra relevante foi o Lexicon universale historico-geographico-chronologico-poëtico-philologicum (1677-1683, 4 vols), de Johann Jacob Hoffmann. Johann Heinrich Alsted publicou unha Encyclopaedia septem tomis distincta (1630), dedicada ás sete artes liberais. Foi no s XVIII, sobre todo grazas á Encyclopédie francesa e en xeral á Ilustración, cando apareceron as enciclopedias no sentido moderno do termo, pois deixaron de ser obras dun só autor e fixéronse accesibles para un público amplo. Presentaban máis orixinalidade e espírito crítico, e tiñan unha orientación fundamentalmente humanística. Francia, Alemaña e Reino Unido marcaron a pauta na creación de enciclopedias. Tendeuse á ordenación alfabética dos lemas, aínda que algunhas obras continuaron facendo uso dunha organización temática, como as alemanas Lehrbuch der Wissenschaftskunde (Manual de estudios científicos, 1792), de Johann Joachim Eschenburg, e Versuch einer systematischen Encyclopädie der Wissenschaften (Ensaio dunha enciclopedia sistemática das ciencias, 1796-1798), de Wilhelm Traugott Krug. Este modelo seguiu tamén a Cyclopaedia, or an universal ditionary of arts and sciences (1728, 2 vols), de Ephraim Chambers, considerado o fundador da lexicografía enciclopédica en lingua inglesa. Esta obra, despois de varias edicións, foi finalmente publicada en 45 volumes como a New Cyclopaedia, or universal ditionary of arts and sciences (1802-1820) e exerceu unha grande influencia noutras enciclopedias europeas. Tamén é importante o dicionario enciclopédico de John Harris, Lexicon technicum or an universal English ditionary of arts and sciences (1704, 1 vol; 1708-1710, 2 vols, sumplemento 1774), xa na liña das obras nacionais, que pasa por ser a primeira en inglés organizada alfabeticamente. A Encyclopaedia Britannica (1768-1771, 3 vols), concibida ao xeito metódico polo editor William Smellie, é unha obra de gran repercusión que se mantén actualizada mediante suplementos anuais; a edición de 2002 consta de 32 vols, en 1994 publicouse en CD-ROM e desde 1995 pode consultarse na Internet. No s XVIII, en Alemaña, publicáronse os dicionarios de Johann Hübner Reales Staats-Zeitung und Conversations-Lexicon (1704), primeiro exemplo da colaboración de moitos estudiosos, e o de T. Jablonski, Allegemeines lexikon der künste und wissenschaft (1721), sobre arte e ciencia, así como a enciclopedia Grosses vollständiges universal lexikon aller wissenschaften und künste (1732-1754, 64 vols), de Johann Heinrich Zedler. No mesmo século publicouse en Francia o Ditionnaire universel françois et latin dos xesuítas de Trévoux (1704-1771). A Cyclopaedia de Chambers suscitou nese país a Encyclopédie ou Ditionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers, de Denis Diderot e Jean D’Alembert (1751-1780, 35 vols), coa colaboración dun amplo equipo de escritores; coñecida simplemente como Encyclopédie (ou Enciclopedia), esta obra, moi importante na historia das ideas europeas, deu orixe ao movemento dos enciclopedistas. A Encyclopédie méthodique et par ordre des matières, de Charles Joseph Panckoucke (1781, 167 vols), está constituída por unha serie de dicionarios especiais de zooloxía, medicina, etc, e a súa publicación prolongouse ata 1832. A Biblioteca universale sacro-profana, de Vincenzo Marco Coronelli (1701-1706, 7 vols), iniciou a tradición enciclopédica italiana, xunto cunha tradución da enciclopedia de E. Chambers (1748-1749, 9 vols). Unha das obras máis consultadas no XIX foi o Konversations-Lexicon (Dicionario de conversación, 1796-1808), publicado por Friedrich Arnold Brockhaus; a décima edición foi utilizada como base para a Encyclopedia Americana (1829-1833), de Francis Lieber, que en 2002 se edita en 30 vols, e para a Chambers’s Encyclopaedia (1850-1868), publicada no Reino Unido por Robert e William Chambers (a súa última edición consta de 15 vols). No s XIX cómpre salientar a Meyer Grosses Konversations-Lexikon (1840-1852, 46 vols) e a Allgemeine encyclopädie der wissenschaften und künste, in alphabetischer folge (Enciclopedia universal das ciencias e das artes, por orde alfabética), publicada baixo a dirección de Johann Samuel Ersch e Johann Gottfried Gruber (1818 ss), da que o último volume, o 168, saíu á luz en 1914. No Reino Unido sobresae a Cabinet Cyclopaedia de Lardner (1829-1846, 132 vols), e en Francia, o Grand ditionnaire universel du XIXème. siècle (1865-1878, 15 vols, e 2 de suplemento), de Pierre Larousse, e a Grande Encyclopédie, dirixida por Marcellin Berthelot (1885-1892, 31 vols). Ao longo do s XX e nos comezos do s XXI, continúa a tradición dos dicionarios enciclopédicos, especialmente co Nouveau Larousse Illustré (1898-1904, 7 vols, suplemento 1907), dirixido por Claude Augé; o Larousse du XXème. siècle (1929-1933, 6 vols e 1 suplemento), baixo a dirección de Paul Augé; o Grand Larousse encyclopédique (1960-1964, 10 vols e 2 de suplemento, 1969 e 1975), dirixido por Jean Dubois; e o Grand ditionnaire encyclopédique Larousse (1982-1985, 10 vols). Nos EE UU ten importancia The New International Encyclopaedia (1902-1904, 17 vols), organizada de forma sistemática, como a Bolšaja sovetskaja enciklopedija (Grande enciclopedia soviética, 64 vols), de inspiración marxista, que estivo precedida na antiga Unión Soviética polo Dicionario enciclopédico (1891-1904, 82 vols, e 4 de suplemento 1901-1907). En Italia, trala pioneira Nuova enciclopedia popolare (1841-1851) e a Nova enciclopedia italiana, de Gerolamo Boccardo (1875-1888, 24 vols), continuada cun suplemento en 5 vols por Stefano Pagliani (1889-1899), impúxose como obra de referencia nacional a Enciclopedia italiana di scienze, lettere e arti (1929-1939, 38 vols), realizada por Giovanni Treccani e Giovanni Gentile; cómpre destacar, igualmente, o metódico Lessico universale italiano (1968-1981). No ámbito luso-brasileiro dos dous últimos séculos, teñen relevancia a Enciclopédia histórica, política, geográfica e comercial (1840); a Enciclopédia popular, científica, artística, literária e recreativa (1850); a Enciclopédia histórica de Portugal, dirixida por Duarte de Almeida; a Enciclopédia republicana (1882), de Afonso de Sousa e outros; a Enciclopédia portuguesa ilustrada, dirixida por Maximiano de Lemos (11 vols); e, en particular, a Grande enciclopédia portuguesa e brasileira (1935-1960, 40 vols). Posteriormente, apareceron en Portugal a Verbo-Enciclopédia luso-brasileira de cultura (1963-1995, 23 vols, dos que 5 son de suplemento) e a Enciclopédia internacional Focus, iniciada en 1964. En Brasil, despois da pioneira enciclopedia Mérito (1958-1964), xurdiu a Barsa (1964), revisada como Nova Enciclopédia Barsa, en 1997; de carácter léxico e enciclopédico é a Grande Enciclopédia Delta-Larousse (1970), dirixida por António Houaiss, que estivo despois á fronte da Enciclopédia Mirador Internacional (1975, 20 vols), obra de tipo metódico. En España, o primeiro dicionario enciclopédico foi o de Ramón Joaquín Domínguez Hervella, Dicionario nacional o gran dicionario clásico de la lengua española (1846-1847, 2 vols); despois destacan: Dicionario enciclopédico hispanoamericano de literatura, ciencia y artes (1887-1899, 29 vols e 3 de apéndice, 1907-1910), de Montaner y Simón; Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana, de Espasa-Calpe (1908-1930, 72 vols e 10 de apéndice, 1930-1933; en 1999 publicouse o suplemento 31 e no s XX acadou os 116 vols), da que deriva a Enciclopedia Espasa (22 vols); Gran enciclopedia del mundo, de Durvan (1961, 20 vols); Nueva Enciclopedia Sopena (1964, 9 vols); Dicionario enciclopédico Labor (1965-1968, 8 vols); Gran enciclopedia Larousse (1967-1972, 10 vols e 2 de suplemento, 1977 e 1985, da que é actualización a Nueva enciclopedia Larousse, 20 vols, 1980-1982, con suplementos); Dicionario enciclopédico Salvat universal (1969-1974, 20 vols); Gran enciclopedia Rialp (24 vols), terminada en 1977; Enciclopedia temática CIESA (1975, 20 vols) e Dicionario enciclopédico Larousse (1983-1985, 8 vols). En varias comunidades autónomas publicáronse obras enciclopédicas cunha ampla información sobre o territorio correspondente, e algunhas dispoñibles en liña como a Gran enciclopèdia catalá (15 vols, 1969-1980, suplemento en 1983 e segunda edición en 1986, 24 vols), dirixida por Joan Carreras Martí; Enciclopedia general ilustrada del País Vasco (1978-), creada por Bernardo Estornes e presentada en volumes temáticos (literatura, biografías, etc), que consta de 51 tomos; Gran enciclopedia asturiana (1973, 14 vols); Gran enciclopedia de la Región Valenciana (1973-1977, 12 vols); La gran enciclopedia vasca (1974-1982, 12 vols); Gran enciclopedia de Andalucía (1979-1982, 10 vols); Gran enciclopedia aragonesa (1980, 12 vols); Gran enciclopedia de Madrid y Castilla-La Mancha (1982, 12 vols); Enciclopedia de La Rioja (1984, 4 vols); Dicionario enciclopédico del País Vasco (1985, 10 vols); Gran enciclopedia de Cantabria (1985, 8 vols); Gran enciclopedia de Mallorca (1988-1993, 9 vols); Gran enciclopedia extremeña (1989, 10 vols); Gran enciclopedia navarra (1990, 11 vols), e Gran enciclopedia valenciana (1990, 10 vols). No ámbito galego, de 1974 a 1986 publicouse a Gran Enciclopedia Gallega (30 vols, con suplementos), que contou coa participación de importantes personalidades da cultura galega, e desde 1999 Ir Indo Edicións, con Bieito Ledo á fronte, está a publicar a Enciclopedia Galega Universal, dirixida por Xosé A. Perozo, primeira enciclopedia de carácter universal feita en galego, na que colabora un nutrido grupo de especialistas. En Hispanoamérica, aínda que hai recompilacións máis antigas, foi no s XIX cando se publicaron traballos semellantes aos europeos como o Dicionario geográfico, histórico y biográfico de los Estados Unidos Mexicanos, dirixido por Antonio García Cubas, 1888-1891; en 1950 viu a luz o Dicionario Enciclopédico UTEHA (México, 10 vols e 2 apéndices), que serviría de modelo para moitos países. En canto a Oriente, en China fixéronse moitas recompilacións. A primeira enciclopedia chinesa da que se ten noticia, aínda que non se conserva, é O espello do Emperador (220? a C). Do ano 987 é a preparada por Wu Shu e Li Fang, que contén extractos de 1.690 obras e está dividida en 1.000 libros. Do s XV tense coñecemento dunha compilación composta de 22.937 libros. A Grande enciclopedia de China comezou a publicarse en 1980. En Xapón, a Grande enciclopedia xaponesa (1908-1919, 10 vols) é moi parecida ás obras occidentais modernas, aínda que tamén é unha antoloxía de textos científicos. Japonica (1967-1972, 19 vols) constitúe unha obra de referencia de carácter máis xeral. No mundo árabe, como en China, as enciclopedias adoitaban ser antoloxías de textos e eran concibidas como obras de consulta. Foi moi forte a preocupación polo problema da división das ciencias, da que participou Averroes, autor dunha especie de enciclopedia médica, coñecida como Colliget, na que se reunían os coñecementos farmacolóxicos da época (s XII). A enciclopedia árabe máis antiga, As mellores tradicións, remóntase ao s IX e é unha colección de textos en prosa e verso, ordenados tematicamente, que serviu de modelo a obras posteriores. Tamén na India se fixeron compilacións, nas chamadas puranas (s II-VI), aínda que non ao modo das chinesas e occidentais. No s XX tendeuse tamén á publicación de enciclopedias especializadas en diversas materias, como literatura, xeografía, música, filosofía, relixión ou medicina. Na década dos 80 os grandes editores comezaron a poñer as enciclopedias como bases de datos en liña; así, por exemplo, a Academic American Encyclopedia, da editorial Grolier. Esta mesma editorial foi a primeira en producir unha enciclopedia en CD-ROM (1985). A maioría das enciclopedias multimedia que están no mercado derivan de obras xa existentes en papel como a enciclopedia Encarta, publicada por Microsoft Corporation en 1993, que se baseou na obra Funk & Wagnalls New Encyclopedia (1971), aínda que despois foi revisada e ampliada (1995), e outra obra moi consultada é a Enciclopedia universal multimedia Micronet (1995).
Frases feitas
-
Ser unha enciclopedia. Saber, alguén, moitas cousas.