Enciclopedia Galega Universal
Obra publicada por Ir Indo Edicións desde o ano 1999 e que continúa unha importante traxectoria da editorial a prol da cultura galega. Ademais do editor Bieito Ledo Cabido e do director Xosé A. Perozo, o equipo que elabora a EGU está composto por 28 redactores, todos eles licenciados cunha formación específica en lexicografía, bioloxía, historia, antropoloxía, arte, xeografía, literatura, música, etc; 59 asesores, expertos nos principais eidos de coñecemento, que documentan o labor dos redactores, e máis de 500 colaboradores, especialistas nas diferentes disciplinas, xunto cos profesionais da fotografía, edición, maquetación, deseño e gráficos, informática e cartografía. Á parte da calidade da edición (encadernación de guaflex, impresión en cuadricromía, maquetación moderna), cómpre destacar as características da EGU, que inclúe 30.000 ilustracións en cor (con cadros sinópticos, gráficos, táboas, etc), 200.000 entradas e unha cartografía actualizada das 53 comarcas administrativas galegas e dos 315 concellos, con case 4.000 parroquias, ademais dos mapas das comunidades autónomas e cidades de España, dos continentes e da maior parte dos estados soberanos do mundo, así como da cartografía temática (mapas económicos, históricos, etc). Pero a importancia da obra non vén dada unicamente polo seu volume, senón tamén polo tratamento da información enciclopédica que se proporciona e pola súa propia orientación. Aínda que en 1974 se publicou a Gran Enciclopedia Gallega, a EGU é a primeira obra enciclopédica de carácter universal, editada en Galicia e en galego. Ofrece unha visión do mundo desde a perspectiva galega, de maneira que conxuga o carácter universal cunha especial atención á realidade física e cultural de Galicia (máis dun 40% de entradas son de temática galega). Teñen entrada propia os principais accidentes xeográficos, núcleos de poboación e vías de comunicación, institucións e empresas, elementos do patrimonio artístico e natural, publicacións fundamentais da cultura galega, etc, así como as biografías das personalidades máis relevantes da sociedade galega. A EGU emprega a toponimia galega ditaminada na forma oficial pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. Con respecto á toponimia do ámbito da Península Ibérica e dos países do contorno cultural de Galicia, emprega os topónimos oficiais, agás algunhas excepcións puntuais de uso moi estendido (Castela, Arxentina, etc), tentando respectar e recoñecer a toponimia internacional de acordo coas directrices da UNESCO e das correntes de difusión modernas. Deste xeito, constitúese na máis completa base de datos existente no que ao ámbito galego se refire. A exposición dos contidos, dentro de artigos ordenados alfabeticamente, é clara e actualizada, e abrangue todos os ámbitos do coñecemento dun xeito equilibrado, sen esquecer as novas disciplinas, como o cine, a publicidade, o deseño, a literatura infantil e xuvenil, a informática, o turismo, a gastronomía, os deportes, etc. Algunhas entradas reciben un tratamento amplo e novidoso que non teñen en obras semellantes doutros ámbitos xeográficos e culturais. Ofrece as últimas tendencias no tratamento das humanidades e das ciencias sociais, onde destaca a forma en que se abordan os aspectos da cultura tradicional galega. Pero, en realidade, a EGU non é unha enciclopedia no sentido estricto do termo, senón un dicionario enciclopédico, xa que, ademais da información enciclopédica, inclúe o léxico da lingua á maneira dun dicionario xeral, cun tratamento amplo e rigoroso dos datos lingüísticos proporcionados, que van desde a información gramatical, con especial atención aos verbos, ata os exemplos, pasando pola información etimolóxica, a equivalencia do lema en portugués, castelán e inglés, a indicación de sinónimos, antónimos e confrontacións, a fraseoloxía, as variedades diafásicas e ramas do coñecemento ás que eventualmente pertence o lema, e as acepcións e subacepcións. Aínda que a base do léxico común da EGU está constituída polo corpus léxico normativo, recollido no Vocabulario ortográfico da lingua galega, do Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega, e no Dicionario da Real Academia Galega de 1997, inclúe tamén vocabulario non recollido nesas instancias, como pode ser certo léxico técnico e científico e variedades dialectais moi espalladas, así como voces do léxico común que non aparecen polo xeral nos dicionarios. Destaca igualmente o tratamento do léxico científico, xa que os nomes vulgares de plantas, animais, etc van acompañados do nome científico e a indicación do grupo taxonómico ao que pertencen, segundo o sistema de clasificación dos seres vivos aceptado pola comunidade científica. As entradas relativas a compostos químicos levan entre corchetes a fórmula química correspondente, para o que se seguen as normas internacionais; tamén se respectan as normas internacionais no que se refire ao nome e aos símbolos das unidades e das magnitudes físicas. Ademais de representar un avance para a lexicografía galega, a EGU contribúe, de xeito decisivo, á normalización do galego e ao seu emprego nos diferentes ámbitos do saber, e está chamada a ser a principal obra de referencia galega en todos os ámbitos sociais e educativos.