enterro

enterro

(

  1. s m

    Acción e efecto de enterrar un cadáver.

  2. s m [ETN]

    Cerimonia que se realiza para o enterramento dun cadáver. Na tradición galega, en que a morte está sempre presente ao igual que a crenza cristiá na vida do alén, a defunción dunha persoa daba paso a un conxunto de rituais funerarios que comprendían desde a saída do cadáver da casa ata a súa introdución na sepultura. Unha vez verificada a defunción, procedíase a amortallar o cadáver. Para acompañalo, celebrábase o velorio ao que acudían familiares, amigos ou veciños; neste cerimonial rezábanse rosarios pola alma do defunto, inda que pouco a pouco a tristura pola súa perda, así como o carácter solemne do acto, suplantábase polo ambiente festivo e mesmo lúdico ao que contribuían a comida, a bebida, as charlas, os chistes e ata os xogos. Ao enterro acudían todos aqueles parentes e veciños da parroquia do defunto e dos arredores. Cando, finalmente, chegaba o párroco á casa na que estaba o cadáver, os familiares sacaban sobre os ombreiros o cadáver (cos pés cara a adiante) no cadaleito. Un repique xeral anunciaba a saída do sacerdote da casa para acompañar o cadáver, mentres que o resto dos asistentes ao acto esperaban diante da casa ou no seu interior. Nese momento comezaba o pranto, executado sobre todo polas mulleres da familia ou polas pranteiras, que se despedían do morto entre choros, berros e lamentos alabando as súas virtudes. Seguindo unha antiga costume, o gando, os nenos e as mulleres embarazadas non podían estar no lugar por onde saíse a caixa, pois críase que o cadáver podía botarlle o mal de aire de defunto ou asombramento. No momento de saíren da casa, o crego rezaba un responso e catro persoas sacaban da casa o féretro. A comitiva funeraria ía encabezada por un rapaz que tocaba unha campaíña e o sancristán que levaba a cruz parroquial, indicando que o defunto pertencía á parroquia. A seguir ía o féretro a ombreiros de parentes ou amigos. Nas pousas acostumadas toda a comitiva facía un descanso; xeralmente, nas encrucilladas e nos cruceiros onde o crego rezaba responsos pola alma do defunto (como ía facendo ao longo do camiño) e os portadores do cadaleito mudaban de quenda. Xa na igrexa púñase a caixa no túmulo correspondente, que, as máis das veces, tiña unha candea acesa en cada esquina. Ata comezos do s XX o féretro ficaba á porta da igrexa porque a lei prohibía metelo dentro. O funeral celebrábano normalmente tres ou catro sacerdotes, inda que o número podía acrececentarse nas exequias de máis prestixio. Cando o cadáver inhumado se metía na terra, comezaba novamente o pranto de despedida. Antes de que o enterrador botase as primeiras pas de terra, algúns asistentes ao sepelio (normalmente os familiares máis achegados) collían unha presa de terra na man, bicábana e deitábana sobre a caixa. Á volta do cemiterio, familiares e amigos (sobre todo se viñan de lonxe) adoitaban reunirse na casa do defunto, dun veciño ou na taberna, para celebraren unha comida funeraria, dominada polo espírito festivo e solidario. Na tradición oral recóllense ditos como: “Enterro sen choros e romaría sen gaita, non teñen gracia. No enterro, os achegados, e nas honras, os convidados”.

  3. enterro da sardiña [ETN]

    Enterro que se celebra o martes e mércores de cinza, derradeiros días do Entroido. Constitúe un arremedo dun enterro católico en que se parodian todos os elementos cerimoniais deste último. O defunto Entroido vén representado por un animal carnavalesco, a sardiña, pero non a fresca senón a salgada, que convida a beber e a gozar. A comitiva vai encabezada por un devoto que leva un estandarte de folla de bacallau (en alusión á Coresma vindeira). Trala caixa vai un crego rezando un responso, pero en sentido burlesco. O sancristán bendí mediante unha vasoira de xesta que molla nun caldeiro de auga sucia. Un acólito espalla polo ar un falso incenso de xofre, cascos de cabalo, goma ou calquera outra susbstancia que feda ao lle prender lume. Outro acólito toca unha gran choca, en vez da campaíña. As pranteiras berran e laméntanse polas liberdades perdidas e polo tempo de penitencia que comeza. En Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) non enterran a sardiña, senón que botan a súa imaxe ao mar e rezan por ela unhas ladaíñas que parodian as da Virxe no rosario.

  4. Santo Enterro [RELIX]

    Cerimonia do Venres Santo que conmemora o enterro do corpo de Cristo crucificado. Nas igrexas de Oriente levábanse en procesión iconos do enterramento, como unha tea bordada que tiña diferentes nomes, segundo os países: ἐπιτάϕιος en Grecia, ou plaščanica para os eslavos. Na iconografía occidental, cómpre destacar a representación do paso do Santo Enterro. OBS: Escríbese con maiúscula.

Refráns

  • No enterro, os achegados; e nas honras, os convidados.
  • Os mortos non se queren levantar para que non os vol van enterrar.
  • Para sacar da súa casa un morto fan falla, o menos, catro homes.