Entre Ríos
Provincia de Arxentina, na rexión Litoral (78.781 km2; 1.104.836 h [1999]). A capital é Paraná. O seu relevo está formado por unha ampla planicie, con pequenas elevacións e drenada por numerosos cursos de auga que constitúen as concas de diversos ríos. O clima, debido á súa extensión, en sentido N-S, é subtropical no extremo setentrional, con precipitacións superiores a 1.000 mm anuais e temperado no S, con temperaturas anuais que acadan os 18°C de media. Entre os principais núcleos de poboación destacan as cidades de Paraná (211.936 h [1991]) e Concordia (116.485 h [1991]). A economía baséase principalmente na gandería. O territorio estivo habitado antigamente polos indios charrúas, explorouno en 1528 Sebastiano Caboto e colonizouno o gobernador Hernandairas de Saavedra. Dependente do Goberno de Bos Aires, en 1811 a provincia secundou os esforzos separatistas do uruguaio José Artigas; en 1820 foi declarada república independente baixo a dirección de Francisco Ramírez, e entre 1853 e 1860 participou nas guerras federais contra Bos Aires. En 1860 entrou a formar parte de Arxentina.