enxeñería

enxeñería

(

  1. [ENX]
    1. s f

      Arte de aplicar os coñecementos científicos á invención, ao perfeccionamento ou á utilización das técnicas en todas as súas determinacións dentro do campo industrial. Tamén se ocupa do aspecto técnico da fabricación de mercadorías ou da provisión de servicios á colectividade; sen embargo, o factor económico é fortemente condicionante e, tipicamente, as súas realizacións son un compromiso entre a función e o prezo. As motivacións máis inmediatas da enxeñería son de tipo económico: producir a prezo máis baixo, facer obras que favorezan o progreso económico, etc. As liñas concretas de actuación están en función de factores circunstanciais que evolucionan de maneira imprevisible, como son os descubrimentos científicos, as situacións socio-políticas, etc, e ademais en cada Estado están fortemente influídas polos dirixentes. A defensa nacional fai desexable promover as industrias bélica, pesada e aeronáutica. A enxeñería tense desenvolvido arredor dos problemas industriais existentes. De orixe pragmática, participa das ciencias dunha maneira tipicamente interdisciplinaria, aínda que, orixinariamente, participou máis do empirismo ca das ciencias. Nos ss XVI e XVII, Galileo, Descartes, Bacon e Newton, entre outros, fundamentaron o establecemento da nova metodoloxía científica, onde os criterios de observación, experimentación e matematización se impuxeron sobre a vella metafísica. A lóxica indutiva e empírica venceu á lóxica escolástica. Simultaneamente, a progresiva transformación da economía feudal en capitalista conduciu a un interese crecente polas novas fontes de enerxía e novos métodos de produción por medio de máquinas. A concepción actual da enxeñería corresponde á etapa de intensa aplicación da ciencia na construción de máquinas, instalacións e estruturas que comezou a finais do s XVIII; a enxeñería, tanto civil como mecánica, vivamente estimulada polas motivacións mecanicistas da época, viu que a física e as matemáticas existentes encaixaban moi ben no seu campo e que lle permitían desenvolverse cunha rapidez sorprendente en comparación coas outras artes. Ademais da diversificación de coñecementos científicos propia da enxeñería, outra característica de todas as súas especialidades é a progresiva matematización, que as fai converxer nun fundamento común baseado na disciplina denominada enxeñería de sistemas. Neste sentido foi decisiva a aparición de dúas innovacións tecnolóxicas: os transdutores eléctricos de moitos dos factores que interveñen nos problemas de enxeñería (temperatura, presión, forza, acidez, etc) e os ordenadores electrónicos. Por razóns históricas, as diferentes especialidades pódense agrupar nas catro grandes ramas xa mencionadas (civil, mecánica, eléctrica e química). A enxeñería civil trata do proxecto e da execución de obras públicas e doutras obras de enxeñería caracteristicamente estáticas, como son as pontes, as estradas, as autoestradas, os túneles, os portos, as presas, as canles ou as plantas industriais. A principal tarefa dun enxeñeiro civil é o deseño físico das estruturas. Para unha estrutura dada, cómpre facer unha estimación das forzas que poden actuar durante a súa vida útil, que son as denominadas cargas ou solicitacións, e poden consistir no peso das partes da mesma estrutura, en cargas útiles de obxectos ou forzas que teñen que soportar, en cargas móbiles, ou na forza do vento ou da neve, entre outras. Unha vez estimadas as forzas, cómpre proxectar un sistema de elementos estruturais, como vigas, tirantes, pórticos ou columnas, que as van resistir. A unión da estrutura co solo é obxecto da disciplina denominada fundamentacións. Aínda que a enxeñería militar existe como denominación, non constitúe un corpo de doutrina esencialmente diferente. A enxeñería mecánica é a aplicación dos principios da enxeñería por medios mecánicos, e ten como fin proxectar, executar e conservar maquinaria industrial e establecer e dirixir industrias mecánicas. O seu marco de traballo inclúe o aproveitamento da enerxía mecánica de orixe térmica ou hidráulica e a produción de maquinaria, como poden ser as máquinas-ferramenta, a maquinaria básica para a explotación dos recursos naturais ou as máquinas e elementos mecánicos utilizados en diversas actividades. Tamén pertence á enxeñería mecánica todo o referido aos elementos para o transporte de persoas e mercadorías. O interese pola industria aeronáutica que xurdiu na Primeira Guerra Mundial fixo que o proxecto, a construción e o funcionamento de avións pasasen a constituír unha rama independente denominada enxeñería aeronáutica. Máis recente na produción de enerxía de orixe térmica é o aproveitamento da enerxía nuclear en centrais xeradoras de enerxía eléctrica, o que fixo desenvolver a enxeñería nuclear. A enxeñería eléctrica (e electrónica) é a ciencia e a arte do desenvolvemento e da aplicación da enerxía eléctrica en beneficio do home. O obxectivo do enxeñeiro eléctrico é, en termos xerais, a adaptación da enerxía eléctrica á extensa gama de aplicacións industriais. Iniciada esta especialidade a finais do s XIX, o esforzo destes enxeñeiros centrouse no proxecto de máquinas eléctricas e na transformación e na distribución de enerxía eléctrica. A telefonía, a telegrafía, a iluminación e a construción de acumuladores foron outras liñas de desenvolvemento. Na produción de enerxía, a demanda obrigou a construír grandes unidades produtoras e de transformación; neste senso, cómpre destacar o progreso experimentado pola electrónica. A introdución dos compoñentes semicondutores e dos circuítos integrados (na progresiva tendencia cara á microelectrónica) incidiu fortemente nas aplicacións de electricidade, especialmente nas de transmisión e tratamento de información. A enxeñería química é a enxeñería do cambio químico tratan do proxecto, da execución e da operación das instalacións para fabricar os produtos das industrias químicas, e do establecemento e dirección destas industrias. O primeiro grande avance no estudio da enxeñería química xurdiu coa introdución do concepto das operacións unitarias, que consiste en recoñecer que calquera proceso químico de fabricación se pode descompoñer nunha serie de operacións elementais realizables en elementos individualizados dun equipo, como columnas de destilación, filtros, prensa ou muíños de martelos, e que o número de modalidades de operación é moi reducido. Algunhas das operacións unitarias máis importantes son a transferencia de calor, o fluxo de fluídos, o transvasamento de materiais sólidos, a filtración, a destilación, a extracción, a mestura e a fluidificación. En función da reacción química que se produce, establécense os denominados procesos unitarios, como a nitración, a esterificación, a hidroxenación, a sulfonación, a fermentación e a polimerización. A química dos derivados do petróleo, coñecida como petroleoquímica, e a obtención de polímeros, denominados plásticos, constitúen ramas destacadas no progreso recente da enxeñería química. Ademais, hai algunhas ramas da enxeñería de carácter interdisciplinar como, por exemplo, a bioenxeñería, coas súas subramas de enxeñería bioquímica ou bioenxeñería e de enxeñería biomédica, que considera o corpo humano como unha planta de proceso bioquímico e estudia a substitución de órganos defectuosos por aparatos artificiais. A enxeñería agroeconómica é a enxeñería que aplica os conceptos xerais ao desenvolvemento da agronomía. Unha das súas actuacións máis importantes é a mecanización agrícola, en todos os seus ámbitos, e adaptada ao produto e ao tipo de terreo, que consta de diferentes procesos como son a preparación de cultivos, a aplicación de fertilizantes, a sementeira, a aplicación de insecticidas, a colleita, o procesamento, o almacenamento e a cría do gando. A mecanización da agricultura non aumenta unicamente a produtividade directa, senón que tamén libera unha gran cantidade de superficie agrícola que se pode dedicar a novos cultivos. A enxeñería alimentaria é a enxeñería que aplica os conceptos xerais á realización industrial da ciencia, chamada bromatoloxía, e da tecnoloxía dos alimentos; as finalidades básicas non son moi diferentes ás da enxeñería química, aínda que ten como disciplinas propias algúns procesos específicos como son a aromatización, a fritura e o torrado.

    2. enxeñería técnica

      Grao medio dos estudios de enxeñería.

  2. enxeñería xenética [BIOL]

    Manipulación deliberada da información xenética dalgunhas especies para obter unha análise xenética ou, especialmente, para servir de xeito proveitoso ao home. Constitúen un conxunto de técnicas da bioloxía molecular que permiten illar e fraccionar o ADN, responsable dunha característica de interese, e ensamblar os fragmentos obtidos nunha macromolécula de ADN que actúa como portadora, o que posibilita a transferencia de información xenética entre organismos. Os procedementos que se empregan son, fundamentalmente, os métodos do ADN recombinante ou a clonación molecular do ADN. Coa enxeñería xenética é posible detectar os xenes que producen unha determinada característica interesante e introducila noutro ser vivo totalmente distinto; así, introdúcese en amorodeiras a información xenética dalgúns peixes que viven en augas moi frías, para que a planta produza froitos en altas latitudes, ou un xene humano nunha bacteria para que produza unha determinada hormona que logo será administrada a persoas que carezan dela. Outros usos da enxeñería xenética son o aumento da resistencia dos cultivos a enfermidades, a produción de compostos farmacéuticos no leite dos animais, a elaboración de vacinas e a alteración das características do gando. De xeito tradicional, a manipulación xenética seleccionou animais reprodutores para obter descendencia coas características que interesaba conservar e difundir dentro da poboación controlada polo home, como no caso do tamaño, a capacidade para producir leite, ovos ou froitos. Tamén nalgúns casos foi posible a obtención de híbridos nos que se xuntan as características de dúas especies próximas, como a mula ou algunhas árbores froiteiras.

Palabras veciñas

enxemprar | enxeñar | enxeñeiro -ra | enxeñería | enxeño | enxeñoso -sa | enxergar