Episodios Nacionales
Conxunto de corenta e seis novelas de breve extensión, divididas en cinco series de dez obras cada unha -agás a última, que quedou interrompida e só ten seis-, que conforman un ambicioso proxecto narrativo de Benito Pérez Galdós: facer a historia novelada de gran parte do s XIX, dende 1805, data da derrota da Batalla de Trafalgar, ata 1875, coa restauración da monarquía borbónica, explorando sistematicamente o pasado recente do país na procura da raíz histórica da experiencia colectiva e analizando criticamente os aspectos sociais e políticos. Mesturando personaxes de ficción con outros históricos, recolleu, a carón de acontecementos políticos e militares, sucesos cotiáns e privados, e conseguiu así recrear unha historia emocionante e próxima ao sentir dos seus contemporáneos. As dúas primeiras series cobren a Guerra da Independencia e o reinado de Fernando VII. Entre as obras desta serie encóntranse Trafalgar, Bailén, Napoleón en Chamartín ou La familia de Carlos IV. Series posteriores, cubriron dende as guerras carlistas ata a Restauración. Algunhas das obras deste período son Zumalacárregui, Mendizábal, De Oñate a La Granja, Amadeo I ou o último episodio Cánovas. Dende a autoafirmación do pobo constituído en patria durante a súa loita épica contra o invasor francés, Galdós analiza as secuelas da Guerra da Independencia e a conseguinte loita ideolóxica entre progresistas e tradicionalistas, proxectando esta loita na pantalla da historia social e dando conta do crecente ascenso da burguesía. Ao se alongar na escrita durante anos, produciuse un cambio de actitude no escritor, de xeito que ao comezar o proxecto, pouco despois da Revolución de 1868, deixouse guiar pola súa fe no progreso irrevogable da nación cara á liberdade, a xustiza e o benestar material, é dicir, proxectou a súa fe na providencia; mentres que nas últimas novelas predomina a sensación de desencanto, produto da inquietante imaxe dunha España gobernada por unha inepta clase política, corrupta, autocompracente e incapaz de frear o fanatismo ideolóxico.