erosión

erosión

(< lat erosĭōne‘roedura’)

  1. s f

    Desgaste producido na superficie dun corpo polo rozamento con outro.

  2. [XEOG]
    1. s f

      Conxunto de procesos que sofren as rochas e que modifican o seu aspecto orixinal. A erosión inclúe o desprendemento de materiais provocado polos axentes da meteorización e tamén o transporte dos detritos. A erosión oponse, desde o punto de vista xeomorfolóxico, á oroxenia. A enerxía da erosión provén tanto da gravidade terrestre como da radiación solar, e case que toda a erosión é obra de fluídos movidos pola atracción gravitatoria, que arranca e transporta os detritos ata depositalos nun nivel máis baixo. Os principais axentes erosivos son o vento e a auga. As partículas transportadas polo vento atacan as rochas. A auga produce un efecto erosivo máis poderoso ca o vento; en estado sólido erosiona por medio de glaciares e cuñas de xeo (esta acción é contundente nas rexións polares e na alta montaña), e en estado líquido erosiona a través da chuvia, de correntes de auga tanto subterráneas como superficiais, de ondas e correntes mariñas. A auga disolta na atmosfera ten un gran papel erosivo, ao descompoñer os minerais que integran as rochas alterando e disgregando a súa estrutura. Á marxe destes axentes erosivos existen outros que non teñen relación coa gravidade, pero si coa temperatura; por exemplo, coñécese o efecto que produce nos desertos a gran diferencia de temperaturas entre o día e a noite. Finalmente, os seres vivos tamén exercen unha acción erosiva, de maneira especial o home que é un auténtico transformador da paisaxe.

    2. erosión diferencial

      Erosión que afecta a materiais de distinta dureza, de xeito que o menos resistente a un determinado axente de erosión resulta máis afectado. Pódese apreciar claramente nun dobramento anticlinal dunha serie de, por exemplo, arxilas e pedras calcarias.

  3. [PAT]
    1. s f

      Destrución ou ulceración dun tecido orgánico provocada pola frición, compresión e a corrosión, ou ben por outro tecido contiguo que ten máis forza de crecemento.

    2. erosión dentaria

      Desgaste progresivo dos dentes que comeza no esmalte e se estende á polpa.

  4. erosión xenética [XEN]

    Perda gradual de diversidade xenética entre ou dentro de poboacións de plantas ou animais.

Palabras veciñas

Eros en Espiral | Erosa | Erosa, Xosé | erosión | erosionar | erosivo -va | Eroso