Escola de Belas Artes
Institución para o ensino da arte. Durante o período da Ilustración produciuse en España a academización e formalización de diversas ensinanzas técnicas e artísticas, a través da inclusión dalgunhas ensinanzas deste tipo (as escolas de debuxo) entre as actividades formativas que impulsaron desde finais do s XVIII diversas Sociedades Económicas de Amigos del País. Neste período tamén se crearon as escolas de Artes e Oficios e a Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid (1744), como antecedente de diversas academias provinciais de Belas Artes. A finais de 1849 creáronse novas academias provinciais, cun total de oito que se sumaban ás seis fundadas no s XVIII, correspondendo unha delas á cidade da Coruña, das que se fixeron depender respectivas escolas, posteriormente integradas nas Escolas de Artes e Oficios. A Escola da Coruña (1850-1875) ensinaba aritmética e xeometría para debuxantes, debuxo de figura e adorno, debuxo lineal e debuxo aplicado ás artes e fabricación, e modelado, con máis de 200 alumnos matriculados no curso 1862-1863. A partir de 1851, a Escola de Belas Artes da Coruña estableceu ademais unha Escola de Debuxo para nenas no edificio do Real Consulado.