Escola de Artes e Oficios
Institución que se encadra nas estruturas político-administrativas das distintas consellerías autonómicas de Educación, e que ofrece distintos módulos profesionais ou o Bacharelato de Artes, xunto a cursos breves sobre distintas artes e oficios artesanais. Naceron, sobre todo, durante o s XIX, a partir da Escola Obreira de La Montagne (Oise), fundada en 1780, transformada por Napoleón na primeira Escola Imperial de Artes e Oficios. Seguindo este exemplo, en 1824 creouse en Madrid o Real Conservatorio de Artes, que chegou a converterse en 1850 no Real Instituto Industrial, e en 1871 deu lugar á primeira escola oficial española de Artes e Oficios, que tomou como modelo as experiencias deste tipo existentes sobre todo en Rusia e en Francia. A partir de 1876 o goberno invitou as institucións locais e provinciais a crear estas escolas e nomeou como central a de Madrid (1886) e como de distrito a outras nove, unha delas a de Santiago de Compostela, potenciada pola Real Sociedad Económica de Amigos del País desa cidade. A primeira destas escolas existente como tal en Galicia foi a de Ferrol (1882), logo a de Santiago de Compostela, seguíronlles as de Vigo (1886), Lugo (1888), Ourense (1891) e Pontevedra (1901), e posteriormente se incorporaron a da Coruña, a de Noia e a de Mondoñedo. Algunhas das ensinanzas que ofrecían eran: elementos de construción naval, debuxo técnico, bordado, modelado e talla en madeira, ás que se incorporaron paulatinamente unha ampla gama de artes e oficios artísticos (talla en pedra, metalistería, fotografía, pratería e ourivería, etc). Entre os distintos plans de estudios oficiais dos que dispuxeron, destacou o de 1910 de gran pervivencia. Este sinalaba dous graos: elemental e superior, constituíndo respectivamente o primeiro e o segundo ensino técnico. Entre as materias de estudo estaban a gramática castelá e caligrafía, aritmética e xeometría práctica e elementos de construción, os elementos de mecánica, física e química, os elementos de historia da arte e historia das artes decorativas, debuxo lineal e debuxo artístico. Ademais da súa importancia na educación influíron na economía xa que contribuíron ao tecido produtivo e artesanal nos contornos onde se situaron, moi singularmente nos casos de Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela.