escola
(
-
[EDUC]
-
escola de declamación
Sección dependente dos conservatorios de música que tiña como obxectivo a formación de actores. O uso do termo declamación deriva do feito de que no s XIX a interpretación estaba moi asociada á declamatio, ou uso expresivo da palabra, mentres que o texto dramático era o eixe vertebrador do espectáculo teatral. No s XIX tamén existiron escolas de declamación privadas, abertas por actores que creaban así un grupo reducido de discípulos, aos que transmitían os principios da súa arte e que logo foron profesores nas seccións de declamación dos conservatorios. Destacaron neste campo Antonio Vico, Emilio Mario, Joaquín Arjona, Mariano Fernández ou Ramón Rosell.
-
escola de producción
Escola ideada por Pavel P. Blonskij que uniu o método educativo baseado na natureza coas ciencias sociais e naturais, co traballo industrial e coas manifestacións literarias e artísticas; incorporou a escola á organización económica e social.
-
escola de teatro
Centro de formación teatral que presenta unha grande heteroxeneidade na súa organización, finalidades, obxectivos e financiamento. Existen aulas e talleres patrocinados polas universidades, as deputacións, as consellerías, os departamentos de cultura das comunidades autónomas ou por iniciativas conxuntas de varias administracións. Ese foi o caso da Escuela Navarra de Teatro, da Escuela de Teatro de La Rioja, da Escuela de Teatro de la Diputación de Salamanca ou do Instituto del Teatro del Centro Andaluz del Teatro. En Galicia existen aulas de teatro nas tres universidades e outras iniciativas privadas na Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo. Outro tipo son as escolas municipais de teatro, dependentes das corporacións locais e que se comezaron a crear en España a finais dos anos setenta, ao abeiro dos programas de democratización cultural que se desenvolveron como alternativa fronte á ausencia de centros regulados de formación teatral. Algunhas destas escolas iniciaron o proceso para se converter en Escolas Superiores de Arte Dramática. En Galicia hai que destacar as experiencias desenvolvidas neste terreo en Narón, O Carballiño ou Vigo.
-
escola de traballo
Tipo de ensino, en parte inspirado en J. E. Pestalozzi, desenvolvido por G. Kerschensteiner e Ganding, que insería harmonicamente actividades manuais nas materias e nas actividades escolares.
-
escola de verán
Escola para mestres e para o profesorado en xeral que funciona normalmente no verán como espazo de elaboración e reflexión pedagóxica, case sempre desde as perspectivas da reforma da educación. Desde o seu inicio en Catalunya, xeneralizáronse nos anos setenta do s XX por toda a xeografía hispana e tamén por Galicia. A primeira que se celebrou na comunidade galega foi en 1976, pero foi suspendida pola autoridade gobernativa. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega e outros grupos de ensinantes pola renovación pedagóxica en Galicia favorecen estes encontros ao exercicio do activismo pedagóxico. Tamén existen escolas de verán para nenos.
-
escola graduada
Escola que, a diferenza da escola unitaria, desenvolve o ensino por graos en distintas aulas, cada unha co seu profesor correspondente.
-
escola infantil
Centro escolar que admite alumnos ata os seis anos.
-
escola laica
Escola que funciona seguindo directrices laicas e na que se prescinde de toda instrución nunha fe relixiosa. Entre as escolas laicas que existiron en Galicia cómpre mencionar a Escola laica da Sociedad Anticlerical Martín Lutero , fundada en Ferrol (1888) pola Sociedad Anticlerical de Librepensadores Martín Lutero, que pretendía dar unha “educación sólida y científica, libre de todo perjuicio inspirado en espíritu de seita religiosa”. Escola laica Miguel Servet , promovida na Coruña pola Sociedad de Librepensadores de idéntica denominación entre os anos 1890 e 1897. Presidida polo republicano federal Segundo Moreno Barcia e dirixida por Ventura León Enciso, contou tamén con escola nocturna para obreiros antes de ser substituída pola escola laica pertencente á La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento. Escola laica La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento , creada na Coruña (1898) pola Sociedad de Actos Civiles La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento. Financiada polo Partido Republicano local e as sociedades de resistencia, substituíu a Escola Laica Miguel Servet. Estivo dirixida Xoán Xosé Cebrián ata que, clausurado o centro temporalmente e perseguido o seu director tralos sucesos de 1901, asumiu a dirección Abelardo Vila ata 1906, ano en que foi substituído polo mestre racionalista aragonés Constancio Romeo. Desde o ano da súa fundación ata 1909, clausurada con motivo da Semana Tráxica, tivo entre 100 e 150 alumnos. Ata 1923, esta escola seguiu alentando diversos establecementos escolares de carácter racionalista (colexio laico Froëbel, escola laica denominada do ferrolán e outros) vinculados a mestres como Constancio Romeo, a súa muller, Luisa Elizalde, e un dos membros fundadores de Germinal, o concelleiro republicano Eduardo Corral. Escola laica de Pontevedra , dependente do Partido Republicano local, fundada en 1903. Estivo dirixida por Celestino Poza Cobas, cando menos ata 1906. Semella que coincidiu no tempo con outro colexio de idénticas coordenadas pedagóxicas, alentado por Xaquín Poza Cobas. Escola Laica Neutral , sostida a partir de 1909 pola Agrupación Librepensadora de Ourense, estivo dirixida por Hipólito Luengo e a súa dona, contando nos seus comezos con 31 alumnos. Escola Neutra de Vigo , de nenos e adultos, baseada nun ensino aconfesional, científico e racional, fundouse en abril de 1912 co patrocinio do Centro de Sociedades Obreras local, de carácter sindicalista revolucionario. Estivo dirixida por Xosé M. Herrera coa colaboración de Xulio Lorenzo.
-
escola maior
Na Idade Media, escola de artes liberais ao cargo do goberno dunha cidade ou dunha catedral, ou das dúas xurisdicións ao mesmo tempo. Contraponse á escola particular cun mestre á cabeza chamado a miúdo mestre maior.
-
escola monacal/conventual
Escola eclesiástica dedicada en principio á promoción dos futuros monxes.
-
escola nocturna obreira
Centros escolares creados para propagar a doutrina católica entre a clase traballadora. Proxectaban educar e instruír os obreiros “conforme a las normas de la Pedagogía y moral cristianas, sin intervenir para nada en cuestiones políticas”. En Galicia, a pioneira foi a Escola Nocturna de Obreiras de Compostela, constituída pouco antes do golpe militar (1923) e reservada para as afiliadas ao Sindicato Católico de Obreiras local. Entre 1923 e 1929 organizáronse as Escolas Nocturnas de Obreiros de Vigo, Compostela, Pontevedra ou A Coruña, dirixidas por sacerdotes coa colaboración desinteresada, ben de mestres, ben mulleres de posición acomodada. En Compostela tiveron unha maior transcendencia social, tanto polo volume de matriculados (máis de 300 asistentes en 1927) como pola súa contribución ao fortalecemento do sindicalismo católico na cidade.
-
escola nova
Movemento de renovación pedagóxica que xurdiu a finais do s XIX. Na súa cerna houbo ensaios e realizacións de natureza moi diferente que tiñan como finalidade común a de enfrontar, de xeito distinto, a problemática escolar e revitalizar a escola con novos discursos pedagóxicos e novos métodos de investigación. Supuxo, de feito, unha revisión crítica do modelo tradicional de ensino. Nun primeiro momento a expresión escola nova aplicouse indistintamente a calquera institución escolar que tentaba poñer en marcha experiencias de renovación educativa, de aí que a denominación equivalía a escola diferente; pero, a medida que foi pasando o tempo, designou un movemento educativo concreto. A expresión engloba o conxunto de principios que tentaron revisar e transformar as formas tradicionais de educación. As primeiras institucións apareceron no Reino Unido, Francia, Suíza, Polonia e Hungría. Cando se fundaron estes primeiros centros xa se produciran os cambios científicos e sociais que daban sentido e razón a ese movemento, aínda que o seu principal impulsor foi a institucionalización da escola e a conseguinte expansión do ensino primario ás capas sociais que tradicionalmente non tiñan acceso á instrución. Isto trouxo consigo a diversificación do alumnado e puxo en cuestión o método único de ensino. Tamén se denominou escola activa porque un dos seus principios defende a idea de que os nenos teñen que aprender a partir das súas experiencias vitais. Tres son as orientacións que a definen: a filosófica (John Dewey, Georg Kerchensteiner e Adolphe Ferrière), investigadora (Édouard Claparède e a escola de Xenebra con Jean Piaget) e a didáctica (Rosa e Carolina Agazzi, María Montessori e Ovide Decroly). Esta última foi a que achegou máis novidades didácticas. Pasou por catro momentos fundamentais no seu desenvolvemento: a creación das primeiras escolas deste tipo en Europa e América (1889-1900), preocupadas fundamentalmente polas realizacións prácticas (ensaios e experiencias); o intento de poñer en relación teoría e práctica (1900-1907) coa aparición das principais correntes da nova educación (o pragmatismo de J. Dewey e a escola de traballo de G. Kerchensteiner); a creación e publicación dos primeiros métodos activos (aplicación do método Montessori en Roma e o Decroly en Bruxelas); e difusión, consolidación e oficialización, a partir de 1918, das ideas e métodos desta escola (en 1921 fúndase en Calais a Liga Internacional da Educación Nova e aplícanse métodos educativos novos como os de Roger Cousinet e Célestin Freinet). Os seus principios fundamentais son: unha escola activa, unha escola centrada no neno e nos seus intereses, un cambio na relación mestre-alumno, unha escola vitalista e unha escola centrada na comunidade.
-
escola primaria
Escola en que se dispensa o ensino primario.
-
escola privada
Escola en que a titularidade corresponde a persoas físicas ou a sociedades privadas.
-
escola pública
Escola en que a titularidade corresponde á Administración central, autonómica ou local do Estado.
-
escola racionalista
Escola que segue os principios da corrente pedagóxica homónima, a cal, de acordo coas ideas de Charles Fourier e P’otr Aleksejevič Kropotkin, defendía o predominio do coñecemento racional e empírico fronte ao dogmático e metafísico. En Catalunya as primeiras escolas racionalistas, precedentes da Escola Moderna (1901) de Francesc Ferrer i Guàrdia, apareceron a finais do s XIX, polo xeral, ligadas aos sindicatos e aos ateneos obreiros. En Galicia, tiveron máis detractores ca seguidores, debido á presenza minoritaria dos sectores progresistas e ao control social e ideolóxico da Igrexa católica. Non obstante, as primeiras experiencias de laicismo escolar ensaiadas a cabalo dos ss XIX e XX no Ferrol, na Coruña, Pontevedra e Ourense, terán continuidade a partir de 1906 coa introdución das teses de Ferrer i Guàrdia na Coruña da man de Constancio Romeo. Deste xeito, e durante o primeiro terzo do s XX, o racionalismo e o laicismo escolar estarán presentes, se ben dun xeito precario e inestable, na totalidade da xeografía urbana de Galicia cunha única excepción: Santiago de Compostela, feudo dunha xerarquía eclesiástica que mantivo a confesionalidade no ensino. Tamén hai que mencionar o labor de diversas sociedades de instrución comarcais radicadas en Arxentina ou Cuba, que impulsaron a creación de diversos centros escolares de carácter laico en zonas rurais dos concellos de Silleda, Lalín, Ortigueira e O Pino, entre outras. Polo tanto, en Galicia, estas escolas estiveron promovidas polos militantes anarcosindicalistas galegos cunha perspectiva liberadora, que identificaba inxustiza con ignorancia e vinculaba a loita obreira e sindical coa formación cultural e ideolóxica. Neste contexto de apoio do movemento operario confederal, hai que entender as diversas experiencias desenvolvidas en Vigo e na Coruña antes da Ditadura de Primo de Rivera, e nas cidades de Lugo e Ferrol, no devalo da Segunda República. Escola racionalista La Luz , definida como centro de “instrución práctica y educación racional”, ensinou na Coruña cando menos entre 1915 e 1917. Estivo dirixida por Xaquín Patricio Patiño, directivo do Centro de Estudios Sociales Germinal. Escola racionalista de El Despertar Marítimo , fundada na Coruña (1922), estaba alentada pola Sociedad de Marineros, Fogoneros y Patrones El Despertar Marítimo. Contou con escola nocturna para adultos e nela traballou de mestre o anarquista francés Gastón Leval, pero foi prohibida nos primeiros anos da Ditadura de Primo de Rivera. Escola racionalista de Lugo , promovida polo Ateneo Libertario Humanidad Libre da capital lucense nos derradeiros meses da Segunda República. Estivo dirixida por un mestre racionalista apelidado Acuña e realizou diversas actividades extraescolares, como unha visita a Betanzos e á Coruña (1936). Escola racionalista de Ferrol , creada polo oficial de telégrafos e matemático Francisco Iturralde en maio de 1933. Contou co apoio dos traballadores anarcosindicalistas da comarca e coa colaboración ocasional dalgúns intelectuais, como o ex-crego Matías Usero, o esperantista Francisco Lledó ou o médico Álvaro Paradela. Nos seus tres anos de existencia, o número de alumnos estivo ao redor dos 150, entre nenos e adultos. Os profesores eran Iturralde, a súa dona Marina Ochotorena, Felicia Bértalo e Aurora Merlán, ou mesmo aqueles militantes obreiros afíns á escola que tiñan maior grao de instrución. Os nenos agrupábanse por seccións segundo o seu grao de desenvolvemento mental. As primeiras horas da noite dedicábanselles aos grupos de adultos, que tamén podían perfeccionar os seus coñecementos nos cursos populares que a escola racionalista organizaba nos cines da cidade. A escola posuía a súa propia biblioteca, con libros para nenos, obras de divulgación cultural e textos clásicos de teoría anarquista. Os gastos eran sufragados polos case 300 socios que formaban a Liga Racionalista de Ferrol, creada para dar apoio material á escola racionalista. Co triunfo da sublevación militar, foi clausurada e o seu fundador, Francisco Iturralde, foi asasinado en setembro de 1936.
-
escola superior
Escola en que se dispensa o ensino superior, xeralmente de tipo técnico.
-
escola técnica
Escola en que se dispensa o ensino técnico non universitario.
-
escola unificada
Tipo de escola que segue o principio fundamental da corrente pedagóxica que preconizaba un curso de acción pedagóxica similar para todos os escolares. Os seus inicios están en Alemaña a mediados do s XIX e definían o ensino como unha totalidade orgánica desde a escola maternal ata a universidade.
-
escola unitaria
Escola en que hai unha única aula cun só mestre para dispensarlles o ensino a alumnos de diversos graos; é propia, sobre todo, de zonas rurais.
-
s
f
Institución colectiva, de carácter público ou privado, onde se instrúe ou educa.
-
escola activa
Escola que aplica métodos de pedagoxía activa. Esta denominación tamén se estendeu a aquela escola que forma parte do movemento da escola nova ou que segue as súas orientacións.
-
escola agrícola
Escola primaria que, en diversas nacións europeas e desde mediados do s XIX, contemplaba o ensino da agricultura como un dos compoñentes do seu plan de estudios. Neses momentos a escola primaria, sen continuidade secuencial no ensino secundario, cinguíase a unha función escolarizadora e mesmo tamén relixiosa e moralizadora que, en diversos momentos e contextos, se procurou enriquecer coa dimensión dalgún xeito profesionalizante. O ensino da agricultura foi así en moitas ocasións unha materia á que se lle concedeu algunha atención, co fin de contribuír á mellora técnica dos cultivos e das producións agrarias; este deu lugar á creación de Escolas Técnicas de Agricultura en diversos países europeos (Prusia, Bélxica, Francia, etc). A través do movemento da escola nova europea, o ensino agrícola enfocouse cunha nova dimensión máis educativa ao servizo dunha educación integral. Así, o horto escolar e os animais de granxa cobraron unha nova importancia como mediacións para a práctica do activismo pedagóxico e dun ecoloxismo avant la lettre. Diversos pedagogos, entre eles Ovide Decroly e Celestin Freinet, recomendaron e practicaron un ensino ligado á vida da natureza, orientación renovada que influiría posteriormente na realización de interesantes experiencias pedagóxicas, sen que por iso a miúdo se prescindise radicalmente dun enfoque profesionalizante. A grande escala, segue a realizarse en Cuba unha experiencia deste tipo desde o inicio da Revolución Socialista, coas denominadas Escuelas en el Campo. En Galicia coñécense varias experiencias que responden a todas as dimensións citadas, entre elas destaca a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros.
-
escola catedralicia/episcopal
Escola creada pola Igrexa para preparar, en principio, o clero; estas escolas funcionaron dende o s IV ata a creación das universidades.
-
escola confesional
Escola onde a tarefa de instrución e educación está condicionada por unha determinada confesión relixiosa.
-
escola de canto
Institución eclesiástica creada na Idade Media, que tiña por misión o ensino do canto litúrxico aos nenos. Rexida polo caput scholae, chamado máis tarde capiscol, este delegou posteriormente as funcións nun mestre de canto supeditado a el en todo o que fixese referencia ao culto. Paralelamente, os mosteiros importantes tiveron a súa escola de canto para o servizo interior (escolanía) e como lugar de ensino musical. Estas escolas desapareceron ao facerse cargo do ensino de música outras institucións.
-
escola de declamación
-
s
f
Instrución que se dá nun establecemento de ensino primario.
-
s
f
Lugar ou edificio onde se desenvolve a actividade escolar, docente e discente.
-
s
f
Conxunto de docentes e discentes dos establecementos de ensino denominados escola.
-
s
f
-
Conxunto de persoas que, en filosofía, ciencia ou arte, seguen unhas mesmas directrices ideolóxicas, metodolóxicas, estilísticas ou estéticas, e que manifestan na súa actividade e produción uns trazos comúns, peculiares e distintivos. As escolas pódense coñecer polo nome do país ou cidade de procedencia, como a escola italiana e a escola de Cambridge; pola súa cronoloxía, como a escola inglesa dos s XVIII e a escola neoclásica; e polo seu contido ideolóxico ou artístico, como a escola marxista e a escola surrealista. Existen tamén escolas formadas por discípulos, imitadores e estudiosos dunha personalidade importante e que reciben o nome do mestre que seguen, como a escola de Rafael e a escola tomista. Con frecuencia, a denominación dunha escola por un lugar determinado débese ao feito de que os seus membros, malia as súas orixes, atopan neste lugar o ambiente que lles permite o desenvolvemento das súas posibilidades, como a escola de París, as escolas de Chicago e de Frankfurt e a escola de Viena, entre outras.
-
Doutrina profesada nunha escola.
-
-
s
f
Aquilo que se aprende, especialmente por experiencia.
Ex: A escola da vida aprendeulle a non confiar en ninguén.
-
s
f
escola de xudeus
sinagoga.
Frases feitas
-
Crear/Facer escola. Ter discípulos, seguidores ou imitadores.