esconxuro

esconxuro

(< esconxurar)

s m

Fórmula ritual para expulsar o demo do corpo dos posesos, ou calquera outro espírito maléfico, ou para afastar as enfermidades -tanto de persoas coma de animais-, os tronos e todo tipo de males. Na tradición europea, e polo tanto na galega, o especialista en recitar esconxuros era o crego; na lexislación eclesiástica actual, esíxese unha especial delegación do propio bispo para que o sacerdote (como transmisor do poder de Deus) poida practicar esconxuros para afastar o diaño. Non obstante , na práctica tradicional este labor tamén o teñen realizado os curandeiros (aínda que a Igrexa Católica non recoñeza como verdadeiras posesións demoníacas moitas das afeccións que padecen os devotos que acoden ás romarías co fin de seren curados). En moitas das parroquias galegas era costume que, o mesmo día do bautizo dun neno, os padriños lle pediran ao cura que lle esconxurase as lombrigas. Os esconxuros curativos case sempre conteñen o nome do mal que se quere afastar, unha fórmula de expulsión, o lugar a onde é expulsado, unha referencia a Deus, á Virxe ou aos santos para que co seu poder escorrenten os males, unha referencia aos obxectos sagrados e simbólicos que contribúen a eliminar a impureza e unha oración final. Exemplos de expresións coas que se intenta afastar a enfermidade son: “coxo losoiro vaite de aquí”, “ollado vaite de aquí, con sal e saliva che dan aquí” ou “sal salgada naciches na mar sagrada, apartádeme agora mesmo deste corpo, fóra esta mala ollada”. Parecidas fórmulas de expulsión utilízanse para curar o herpes, as belidas, a itericia, o mal de aire ou outras enfermidades de bruxas. Nalgúns casos o esconxuro describe unha expulsión por etapas, desde o interior ata o exterior do corpo. Un exemplo para expulsar o lixo que inflama o ubre das vacas é: “Lixo crobal / sae do animal. / Se estás no sangue, / vente á carne; / se estás na carne, / vente ao coiro; / se estás no coiro, / vente ao pelo; / se estás no pelo, / vente ao aceiro; / se estás no aceiro, / vente á terra” (a impureza da enfermidade vai pasando da parte máis interna á parte máis externa, e desde aí xa pasa á navalla que o curandeiro emprega para facer cruces e que logo guinda ao chan para completar a expulsión). Os lugares a onde se expulsa a enfermidade son os lugares tradicionalmente maléficos, ou sexa, a terra, os montes, o mar, o cemiterio e o deserto: “Bicho bichón, sae de aquí, vai parar debaixo dun terrón”, “paleta non sexas maligna, deixa este home e sube á serra”. Os esconxuros afastan o mal no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo, coa graza de Deus e da Virxe María, e co poder de Deus e da Virxe, e logo recollen as medicinas simbólicas que emprega o curandeiro. Dise, así, que o mal ha de ser expulsado polo poder de Deus e cun ramiño de fiúncho mollado en viño tinto, ou con cinsa, auga bendita, fume, sal, ortiga, etc. Como remate, o esconxuro cita as oracións que o curandeiro e o enfermo han de recitar, como un nosopai e un avemaría. Un exemplo en que aparecen todos eses elementos (agás a mención ás oracións finais) é: “Con este fume desta fogueira / malos ollos, ou malo aire, / mala envexa vai para o chan / e déixame este neno salvo e san. / Heite de afumar e refumar, / que este neno has de deixar, / para que sexa un bo mozo, / pola graza de Deus todopoderoso”. Outro exemplo en que xa aparecen todos os trazos característicos dun esconxuro é: “Sal de salgar, ortiga de ortigal, / marcha úlcera para o teu lugar, / que nin crezas nin avivezas / nin fagas cousas que mal parezas. / Polo poder de Deus e da Virxe María, / un nosopai e un avemaría”. OBS: Recibe tamén o nome de conxuro ou exorcismo.