escopeta
(
Arma longa de fogo, portátil, empregada especialmente para cazar e concibida para disparar cartuchos de perdigóns. Pode constar dun ou de dous canóns, normalmente de alma lisa, superpostos ou xustapostos. No caso de ser dun canón, distínguense entre as de monotiro e as de repetición. Pódense clasificar, segundo a chave que empreguen, en escopeta de pedra de chispa, que dispara por medio de calquera dos diversos tipos de chaves que provocan a ignición do cebo coa chispa dese material; escopeta de percusión ou pistón, que se dispara por medio da chave do mesmo nome; escopeta de Lefaucheaux, que emprega este tipo de munición; escopeta de fogo central, que leva o pistón incorporado na parte central da culata; escopeta de martelos vistos, que ten os martelos no exterior e que se arma manualmente; e escopeta hammerless, que presenta os martelos ocultos no interior da chave e que se detén automaticamente para facer bascular o canón ou canóns.