escriba

escriba

(

  1. s m [HIST]

    Doutor e intérprete da lei, escrita ou oral, nas culturas que se estenderon durante a Antigüidade polo Oriente Próximo e Medio. En Mesopotamia e Exipto recibían unha educación moi completa, acadaban un gran prestixio intelectual e participaban na administración, na xustiza e na organización dos santuarios. En Exipto estudiaban nas casas da Vida -edificios dependentes dos templos- e despois pasaban a formar parte do corpo de escribas oficiais con algún cargo específico. Debido á multiplicidade de tarefas encomendadas á administración exipcia existían, entre outras clases, os escribas do exército, os dos templos e os dos equipos de obreiros. A súa divindade protectora era Thot, o deus da escritura e da sabedoría.

  2. s m [FILOL]

    Persoa que reproduce -copiando ou poñendo en limpo- composicións alleas, ou que escribe ao ditado ou de memoria. A distinción entre copia ao ditado, copia memorística e copia dun orixinal resulta especialmente operativa polo que respecta á tipoloxía das variantes: se no primeiro caso, por exemplo, estas adoitan responder a confusións de carácter fónico, na reprodución de textos escritos son habituais os erros debidos a motivacións gráficas. A cotío a memoria resulta tamén un factor nocivo para a integridade do texto, ben sexa porque o escriba introduce modificacións involuntarias, ben porque coñeza unha versión diverxente e incorpore esas variantes dun xeito inconsciente. Todo iso contribúe a que rara vez a integridade do texto se conserve no seu estado orixinal; así, por exemplo, os lamentos dos poetas pola deturpación das súas obras. A miúdo a actuación do escriba no proceso de copia repercute directamente sobre a calidade e fiabilidade do texto: unhas veces modifícao involuntariamente por incomprensión ou descoido (erros por adición ou adiectio, por omisión ou detractio, por alteración da orde ou trasmutatio, por substitución ou immutatio); outras, introduce modificacións voluntarias, a miúdo en consonancia coas súas ideas relixiosas, literarias, morais, etc, ou de hábitos lingüísticos (así acontece, por exemplo, nas versións leonesa e castelá do Alexandre, ou nas copias tardías das obras de Gonzalo de Berceo). Ademais dos estritamente gramaticais, ao escriba atribúenselle tamén diversos hábitos gráficos adquiridos no scriptorium. En tales casos, a paleografía e a xeografía codicolóxica constitúen útiles instrumentos de indagación crítica á hora de establecer non só a procedencia da copia, senón tamén do seu modelo: a comparación entre copias dun mesmo scriptorium a miúdo permite delimitar cando se está ante hábitos resultantes da formación do escriba, ou ben ante particularidades exclusivas do texto (erros involuntarios producidos durante o acto de copia). Tampouco faltan as variantes debidas a contaminacións e refundicións, especialmente frecuentes durante a Idade Media en xéneros coma o de cabalerías (como ocorre, por exemplo, na Crónica de 1344). En termos xerais, esta concepción do papel activo do escriba contradí os postulados estritamente mecanicistas xerados tralas teses de Havet.

  3. s m [RELIX]

    Doutor ou intérprete da lei en Israel. Desde os tempos de Esdras recibiu este título o individuo versado na Lei de Moisés que se ocupaba de interpretar as Escrituras. Converteuse en xefe espiritual e condutor do pobo xudeu, e recibiu honorificamente o nome de rabino.