eslovaco -ca

eslovaco -ca

(< topónimo Eslovaquia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Eslovaquia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Eslovaquia.

  3. [ETN/HIST]
    1. s

      Individuo do pobo eslovaco.

    2. s m pl

      Pobo eslavo procedente das rexións do Oder e do Vístula que se instalou nos territorios de Eslovaquia, no extremo L de Moravia e no N de Hungría a partir do s V.

  4. s m [LING]

    Lingua que pertence ao grupo eslavo occidental da familia baltoeslava, do phylum indoeuropeo. É a lingua propia e oficial de Eslovaquia, aínda que tamén se fala en EE UU, Canadá e Hungría debido á emigración de eslovacos a eses países. Os primeiros testemuños datan do s XI e son topónimos e antropónimos que se recollen en documentos escritos en latín. No s XIV o checo comezou a usarse como lingua literaria, pero tamén se recollen as primeiras palabras eslovacas en textos checos. Os primeiros intentos sen éxito, propiciados polos católicos do O do país, de usar o eslovaco como lingua escrita remóntanse aos ss XVII-XVIII. A mediados do s XIX estableceuse a lingua estándar, baseada no dialecto central do eslovaco, e en 1918 converteuse na lingua oficial de Eslovaquia. Moi achegada ao checo, cómpre destacar entre as súas características lingüísticas: o uso do alfabeto latino en que destaca a inclusión de tres dígrafos (ch [x], dz [dz], dž [dZ]) e o uso de signos diacríticos como nas consoantes palatais (č, dž, š, ž, t’, d’, n’, l’, aínda que o t, d, n, l seguidas de i, Ì e e non levan eses signos); o sistema consonántico caracterízase polas oposicións sonora/xorda e palatal/non palatal; o vocálico diferencia seis vocais breves, cinco longas e catro ditongos; e tamén se distingue un r (ŕ) e l (ĺ) silábico; número singular e plural e tres xéneros (con oposición animado/inanimado); presenta seis casos (nominativo, acusativo, xenitivo, dativo, locativo e instrumental) cunha declinación diferente para os adxectivos e os substantivos; o sistema verbal, similar ao do checo, diferénciase sobre todo pola xeneralización da desinencia -m na 1ª sg do presente de indicativo; distingue cinco conxugacións; e a orde sintáctica da oración é flexible, pero a máis habitual é suxeito + verbo + complementos.

  5. arte eslovaca [ARTE]

    Arte desenvolvida en Eslovaquia. As primeiras mostras artísticas pertencen ao Paleolítico, entre as que destaca a Venus de Monoravy, mentres que as construcións arquitectónicas teñen a súa orixe no Grande Imperio Moravo. Cómpre salientar a tradición artesá das áreas rurais do país onde se traballan os tecidos, a talla de madeira e os vidros pintados. No eido da arquitectura relixiosa destacan a catedral de San Exidio en Bardejov (s XV), a igrexa e o mosteiro dos franciscanos en Bratislava, de orixe medieval pero reformada nos ss XVI e XVIII, a igrexa luterana de Kežmok e a catedral de Santa Isabel en Košice. As igrexas tradicionais construíronse en madeira; a maioría das que se conservan son católicas, e a máis antiga localízase en Hervatov (s XV). Caracterízanse por ter unha distribución en tres partes, símbolo da trindade, a entrada, a igrexa ou parte principal e o altar. Adoitan estar acompañadas de tres torres. No eido da arquitectura tradicional cómpre destacar o conxunto de Vlkolínec, con máis de corenta casas de madeira dos ss XV-XIX, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993. Durante os ss XI e XII construíronse numerosos castelos, entre os que cómpre salientar: Bojnice, Bratislava e o conxunto de Spišský Hard, declarado cos seus monumentos culturais asociados, entre os que destaca a igrexa do Santo Espírito, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993. A cidade mineira de Basnká Stiavnica tamén recibiu ese mesmo ano o galardón da UNESCO. Aínda que a arquitectura e a escultura recibiron a influencia dos estilos do leste europeo, dende mediados do s XIX desenvolveuse unha escola pictórica nacional, con figuras como Ladislav Mednanský, Dominik Skutecký, Ester Simerová-Martinceková, Imrich Weiner-Král, Ludovít Fulla, Mikuláš Galanda, Martin Benka e Mikuláś Bazorský. No eido da arquitectura sobresaíu Dušan Jurkovič.

  6. cine eslovaco [IMAX]

    Arte cinematográfica desenvolvida en Eslovaquia. A produción eslovaca é moito máis reducida ca a checa. Non obstante , cómpre destacar algúns nomes, como M. Fric, autor de Jánošik (1936) e Varuj! (Precaución!, 1947), en colaboración con P. Bielik; ou J. Kadár, co filme Katka (1950). Outros directores eslovacos salientables son S. Uher, S. Barabáš, P. Solan, M. Holl, E. Grećner, J. Herz e J. Jakubisko.

  7. literatura eslovaca [LIT]

    Literatura escrita en checo ou en latín en Eslovaquia a partir do s XVI. No s XVIII tivo lugar un movemento renovador encabezado polo poeta Juraj Palkovič e por Antonín Bernolák, autor da primeira gramática eslovaca, superada no s XIX pola de L’udovít Štúr. En época romántica, Ondrej Braxatoris-Sládkovič cantou a loita eslovaca contra Matías I de Hungría no poema Detvan. Máis adiante, nunha fase realista, xurdiron o narrador Ján Kalinčiak e o satírico Karel Hevlíček, e a literatura deste período adoptou en numerosas ocasións un aspecto nacionalista contra o dominio austríaco. A finais de século, durante o dominio húngaro, destacaron o lírico costumista Svetozár Hurban-Vajanský, o poeta nacionalista Pavol Hviezdoslav e o novelista Martin Kukučín. Liberado o país despois da Primeira Guerra Mundial, sobresaíron en narrativa Ján Hrušovský, en teatro Vladimir K. Hurban e en poesía Ján Kostra. Despois de 1945 xurdiron nomes novos, como o poeta Milan Lajčiak, o dramaturgo Štefan Králic e os narradores Peter Karvaš e Vladímir Mináč. Cómpre nomear, ademais, os poetas Emil Boleslav Lukáč, Valentin Beniak, Ján Smrek, Laco Novomeský, Ján Kostra, Antrej Plávka, Štefan Žary e Pavol Horov, creadores dunha poesía lírica formalmente sofisticada; Michal Povazan e Klement Šimončič seguiron a corrente surrealista con trazos nacionais; e, posteriormente, Milan Lajčiak, Ctibor Štinický e Milan Rúfus trataron os problemas da vida cotiá. En canto á narrativa hai dúas tendencias: a prosa lírica, na que destaca František Švantner, e a realista, que debuxa a realidade eslovaca contemporánea. Respecto ao teatro, sobresaen Štefan Králik no eido da comedia, e Peter Karvas, na crítica social.

Palabras veciñas

eslingar | eslombar | eslora | eslovaco -ca | Eslovaquia | Eslovenia | Eslovenia, serra de