espada

espada

(

  1. s f [BÉL]

    Arma ofensiva formada por unha folla longa, cortante e punzante, dun ou dous fíos, recta ou curvada, e cunha empuñadura, con ou sen gardamán, onde se agarra a man, ou ambas as dúas mans, para o seu manexo. As primeiras mostras destas armas corresponden á Idade do Bronce; distinguíanse as espadas curtas con espeto, as de lingua de carpa e as de lingüeta calada. Na etapa prerromana existían dous grandes grupos ou modelos: no mundo castrexo destacaba a espada de antenas, caracterizada polo remate da empuñadura con forma de arco e a presenza de escotes na base da empuñadura; mentres os guerreiros lusitanos e celtiberos empregaron fundamentalmente a falcata, unha arma curta con folla ancha e curva, dotada dunha empuñadura aberta. Os lexionarios romanos empregaron fundamentalmente dous tipos: unha moi curta e ancha, coñecida como ensis; e outra, o gladius, de dobre fío, que adoptaron despois da Segunda Guerra Púnica e que se inspirou na falcata hispánica. As invasións dos pobos xermanos durante o s V introduciron un novo modelo, de maior lonxitude e maior resistencia, grazas a un novo procedemento de fabricación do aceiro. Os godos utilizaron un tipo de espada longa, ancha e recta que diminuía dende a empuñadura, carecía de gardamán e con frecuencia presentaba unha empuñadura en materiais preciosos. Trala invasión musulmá na Península Ibérica introducíronse novas tácticas bélicas que modificaron a tipoloxía das armas. Nos ss XI-XII o modelo de espada máis empregado constaba de pomo, brazos, mango ou gornición e enfundábase nunha vaíña. As modificacións nas tácticas bélicas estenderon a partir do s XIII un armamento máis lixeiro e un novo tipo de espada denominada gineta, que se caracterizou pola folla forte de dobre fío, a empuñadura pequena, o pomo ancho e pesado para equilibrar a folla e os arriaces caídos. Os espadeiros dos reinos cristiáns copiaron estes modelos e desenvolvéronos durante os séculos seguintes. A finais da Idade Media estendeuse a espada de lazo, cunha empuñadura formada por un conxunto de cintas metálicas que se entrecruzaban para protexer a man. No s XVI empregouse en España a espada bastona, de folla ancha e acanalada por ambos os lados, coa empuñadura en madeira, e no século seguinte estendeuse a espada afarolada, denominada así pola gornición en forma de cesta ou farol. Nos ss XVII e XVIII a tipoloxía da espada modificouse, a folla alongouse e dotouse dunha punta aguzada ao tempo que se fixo máis plana, mentres que a empuñadura se modificou e tomou forma de cazoleta, con grandes brazos. A finais do s XVIII estendeuse o emprego de sabres entre o exército, ao tempo que os soldados comezaron a empregar a baioneta, polo que a espada perdeu relevancia e quedou limitada a unha función de distintivo nos uniformes dos oficiais. Dende épocas remotas esta arma estivo rodeada de fortes simbolismos e lendas, e constituíu un elemento esencial na cerimonia de nomeamento de cabaleiros, así como nas coroacións solemnes dos reis. Isto fixo que as espadas famosas na historia e na literatura recibisen un nome propio, como a Excalibur do Rei Artur ou a Tizona do Cid.

    1. s f pl

      Pao, dos catro que compoñen a baralla, onde hai representadas espadas.

      Ex: Teño o ás de espadas que é a carta máis alta.

    2. s f

      Carta deste pao.

      Ex: Ten unha espada e unha copa.

  2. s

    Toureiro encargado de matar o touro co estoque.

  3. s f [DEP]

    Especialidade da esgrima que se practica cun estoque, composto dunha lámina de aceiro triangular de 90 cm de longo e unha empuñadura con gardamán duns 20 cm, cun peso total de 770 g. O regulamento da Federación Internacional de Esgrima (FIE) de 1914 especificou as características técnicas desta arma, que foi nos Xogos Olímpicos de Berlín 1936 a primeira que incorporou un dispositivo de control eléctrico para a verificación dos touchés. En 1984 a FIE acordou a introdución da espada nas competicións femininas, de xeito que a partir de 1989 se incluíron nos campionatos mundiais e dende 1996 no programa olímpico.

  4. s f [HERÁLD]

    Figura que se representa coa punta cara ao xefe.

  5. peixe espada [ANIMAL/ICT]

    peixe espada.

Frases feitas

  • Entre a espada e a parede. Aplícase á situación na que hai que escoller entre dúas cousas igual de malas.

  • Espada de Damocles. Ameaza constante.

  • Espada de dous gumes. Aplícase ao argumento ou procedemento que produce un efecto contrario ao que se desexa.