esparto

esparto

(

s m [PLANTA]

Herbácea perenne do xénero Stipa, da familia das poáceas, de ata 1,5 m de alto. As follas son ríxidas, lineares e enroladas, co extremo punzante e a marxe cuberta de pelos. Forma moutas densas e duras que poden dominar certas paisaxes áridas. As inflorescencias son panículas, de ata 40 cm de lonxitude, estreitas e densas, de cor amarelenta, que presentan unha única flor hermafrodita por espiguiña e na que están ausentes os rudimentos doutras flores estériles. A floración ten lugar entre marzo e maio. A especie máis importante é Stipa tenacissima, que non é apta para a alimentación do gando pero da que tradicionalmente se usan as follas como importante fibra téxtil. Con ela elabóranse numerosos utensilios agrícolas como cordas, cestos e tapices. Outro importante produto do mundo tradicional que emprega o esparto son as alpargatas. As follas apáñanse a man entre agosto e setembro. Este material, unha vez seco, denominado esparto cru, servía para a elaboración directa de maior parte dos produtos; sen embargo, para aqueles traballos máis finos, como é o caso das alpargatas, empregábase o esparto cocido -este proceso consiste en manter o esparto somerxido en auga durante 21 días, para posteriormente secalo e proceder á malla, coa que se conseguía que o esparto perdese parte da súa rixidez e adquirise flexibilidade-. A recollida e preparación do esparto e a posterior elaboración dos produtos precisaba de moita xente, polo que tivo unha especial importancia na posguerra española, xa que servía como complemento na economía rural de subsistencia, ata que foi substituída por plásticos e gomas. O esparto tamén se emprega para obter unha pasta de papel de elevada calidade, usada na elaboración de papel moeda. Stipa tenacissima, ademais de aparecer de xeito expontáneo, foi favorecida e cultivada polo home. Distribúese pola Península Ibérica -especialmente no sueste- e N de África, xeralmente en solos moi degradados e as máis das veces calcarios ou xesosos. Tolera ben a seca e as altas temperaturas. En Galicia están presentes as especies Stirpa bromoides -na metade oriental do país- e Stirpa gigantea -en lugares areosos-.