Espasa-Calpe, Editorial

Espasa-Calpe, Editorial

Empresa fundada en Barcelona en 1860 polos irmáns Josep e Pau Espasa i Anguera co nome de Espasa Germans. Inicialmente, ademais de El Mundo Ilustrado, a súa actividade centrouse en publicacións en catalán e así editou o Dicionari de la llengua catalana (1864-1865), de Labérnia, e a Gramàtica catalana, de Bofarull e Blanc. En 1905 comezou a edición da Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana, coñecida popularmente por Enciclopedia Espasa. A partir de 1908 continuaron o labor editorial os seus fillos Josep, Joan e Lluís Espasa i Escayola. En 1926, cando a Editorial Hijos de J. Espasa xa publicara 50 volumes da Enciclopedia Universal Ilustrada, produciuse a fusión con Calpe (Compañía Anónima de Librería y Publicaciones Españolas), fundada en 1911 en Madrid. Nese momento, converteuse nunha das principais editoriais de Europa, con proxección en Arxentina e México. Dende a súa constitución, Espasa-Calpe ten ao seu cargo a edición do Dicionario de la Lengua Española da Real Academia Española. En 1927 abriu as súas propias librerías co nome de Casa del Libro, con establecementos en Madrid, Barcelona, Bilbao e Vigo (14.6.2001). En 1937 introduciu o libro de peto no mundo da lingua castelá, co lanzamento da Colección Austral. Ademais das obras xa mencionadas, do seu extenso catálogo destacan a Summa Artis de J. Pijoan, a Historia de España, dirixida por Menéndez Pidal, e a colección Clásicos castellanos. En 1992 pasou a formar parte do Grupo Planeta.