esperanto

esperanto

(< Esperanto, pseudónimo dodoutor L. L. Zamenhof)

s m [LING]

Lingua auxiliar internacional creada en 1887 por Ludwik Lejzer Zamenhof, autor dun manual que asinou co pseudónimo de Doktoro Esperanto (Doutor Esperanzado). O esperanto consta de 16 regras fundamentais, entre as que destacan: cada letra pronúnciase como se escribe e viceversa. O acento prosódico recae sempre sobre a penúltima sílaba. Existe un único artigo, determinado e invariable, la. Só hai 11 morfemas gramaticais: os substantivos rematan en o; os adxectivos, invariables para o xénero, rematan en a; os substantivos e adxectivos fan o plural en j; o acusativo, marca do complemento directo e do lugar a onde se vai, acaba en n; os adverbios rematan en e; os verbos non cambian nin de persoa nin de número, e terminan en i (infinitivo), as (presente), is (pasado), os (futuro), us (condicional) e u (volitivo, equivalente a imperativo e mais subxuntivo). A partir da raíz obtéñense as distintas categorías gramaticais. Por exemplo, da raíz flor- obtense floro (‘flor’, substantivo), flora (‘floral’, adxectivo), flori (‘florecer’, verbo), etc. O léxico fórmase por composición sun-floro (‘flor do sol’, ‘xirasol’) e derivación florejo (‘xardín de infancia’) a partir de raíces estables, collidas principalmente das linguas indoeuropeas, grazas a 9 prefixos e 29 sufixos. As institucións que salvagardan a cultura esperantista son a Universala Esperanto-Asocio (UEA), a Akademio de Esperanto, as editoriais, bibliotecas, emisoras de radio e centros culturais esperantistas, as asociacións locais de esperanto e o tesouro formado pola literatura orixinal. O Primeiro Congreso Universal de Esperanto celebrouse en Boulogne-sur-Mer (Francia, 1905) coa asistencia de 688 falantes de 20 países. A figura central das letras esperantistas é o húngaro Kálmán Kalocsay (1891-1976), e pódese dividir toda a literatura esperantista en anterior (primitiva) e posterior (moderna) a el. Outros autores son L. L. Zamenhof (xudeu de lingua rusa), Raymond Schwartz (francés), Hilda Dresen (estoniana), Gaston Waringhien (francés), Fernando de Diego (español), Karolo Pič (checo), William Auld (escocés), Marjorie Boulton (inglesa), Probal Dashgupta (indio) e Trevor Steele (australiano). En Galicia, no ano 1905 había asociacións esperantistas nas cidades da Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo e Vilalba. En 1906 sumáronse Foz e Lugo, e en 1910, Vigo. A principios do s XX o principal núcleo esperantista estaba na Coruña, articulado ao redor da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos e liderado por Pascual Perea, Xoán Xacobe Durán Loriga e Manuel Monteagudo. Outros esperantistas destacados eran Hixinio Ameijeiras (Lugo e Ourense), e Santiago Carro García (Santiago, autor de El idioma internacional y el esperanto, 1908). Na Segunda República o seu centro desprazouse a Ferrol, da man do Grupo Esperantista del Centro Obrero de Cultura; mentres, en Ourense destacaba o librepensador republicano Hipólito S. Luengo, e na Coruña, M. Monteagudo. A esperanza de que o esperanto se convertese na lingua universal foi decaendo a partir da segunda metade do s XX, sobre todo coa represión posterior ao levantamento militar que provocou a depuración de moitos dos seus partidarios, xa fose pola súa militancia política e sindical, ou pola súa actividade como esperantistas. O esperanto rexurdiu coa celebración dos congresos de Pontevedra (1960), Vigo (1972) e Ferrol (1976). Destacan, ademais, as figuras de Xulio Bueno Cortés, que foi presidente do Grupo Esperantista Vigués Paco kaj Amo, e do matemático Antonio Alonso Núñez, profesor dos cursos de esperanto na Universidade de Santiago de Compostela. Á parte doutras pequenas traducións, a única obra da literatura galega traducida integramente ao esperanto foi Retrincos, de A. Rodríguez Castelao, traducida por Fernando de Diego (Viveroj, 1983).