esquío
(< lat *sciure < grσχίουρος)
-
s
m
[ANIMAL]
Roedor da familia dos esciúridos.
-
esquío rubio
[ANIMAL]
Roedor co corpo alongado e estreito, que acada os 24 cm de lonxitude, cola longa e peluda de ata 20 cm e un peso de ata 35,7 g. As patas traseiras teñen maior tamaño ca as dianteiras e sérvenlle para realizar grandes saltos entre árbores, nos que a cola se emprega como órgano do equilibrio e para aumentar a superficie de rozamento ao aire e aminorar a velocidade de caída. Presentan catro dedos longos de uñas curvadas e mais un polgar reducido. Son de cor castaña escura ou rubia e co ventre de cor branca. De cando en vez detéctanse animais albinos ou melánicos. No inverno presentan pequenos pinceis nas puntas das orellas. A dentadura de 22 pezas caracterízase por presentar na mandíbula superior dous incisivos de crecemento continuo, catro premolares e seis moas; e na mandíbula inferior dous incisivos, dous premolares e seis moas. A esperanza de vida media destes animais é de seis anos, aínda que en catividade superan os dez. Están presentes tanto en bosques de coníferas coma en bosques de folla caduca, preferentemente en bosques novos e pechados, dende o nivel do mar ata os 2.000 m de altitude, aínda que se localiza menos abundante en altura. Fabrican niños esféricos, duns 30 cm de diámetro con dous orificios, entre pólas co interior tapizado de brións, follas e liques. As femias, que contan con dous pares de glándulas mamarias, presentan dous períodos de celo. Tras unha xestación duns 50 días paren entre 1 e 6 crías, normalmente 3 ou 4, sen pelo e cos ollos pechados, e cuns 12 g de peso. Estas crías pasan aproximadamente 2 meses sen saír do niño e continúan coa nai ata que son adultas, entre os 6 e 11 meses de idade. Fóra da época de celo, os machos poden formar pequenos grupos territoriais. Aliméntanse de sementes e froitos de árbores -como abelás, noces, landras e piñóns-, gromos, tubérculos, fungos e moras; tamén de ovos dalgunha ave de pequeno tamaño e de invertebrados. É unha especie arborícola que rara vez descende ao chan -só cando é moita a distancia entre as árbores para realizar un salto, para recoller algún alimento concreto ou para beber-, polo que é moi boa gabeadora e pode descender coa cabeza para abaixo. Non hiberna e recolecta alimentos, que almacena no niño, durante os períodos favorables para non ter que saír en busca del durante o inverno. Pode comunicarse mediante voces, chíos ou movementos da cola. Os seus depredadores máis importantes son mamíferos carnívoros con gran capacidade para cazar nas árbores -como o gato montés, a xineta, o armiño, a garduña e a marta-, e aves rapaces, especialmente as forestais como o azor.
-
esquío voador
[ANIMAL]
Roedor caracterizado por presentar un membrana a cada lado do corpo, que se estende dende o pulso ata o nocello e, nalgunhas especies, tamén entre as patas traseiras e a cola. Esta membrana -que conta con pelos polas dúas partes, unha variña de cartílago pegada ao pulso e unha capa de músculo-, permítelle a estes animais realizar voos de ata varios centos de metros planando entre as árbores. A cola é aplanada e xeralmente ten a mesma lonxitude ca a cabeza e o corpo. En moitas especies a superficie está aumentada polos pelos da cola que se dispoñen entrecruzados para ofrecer maior resistencia ao aire. Son animais de hábitos nocturnos, de pelaxes escuras e ollos grandes. Aniñan en buracas das árbores. Existen unhas 30 especies, 27 distribuídas nas selvas tropicais do sueste de Asia, unha na Eurasia temperada -nos bosques de coníferas de Siberia Pteromys volans- e dúas en Norteamérica -nos bosques de coníferas Glaucomys sabrinus e nos bosques de folla caduca do leste dos EE UU Glaucomys volans-.