estampadora
(< estampar)
Máquina que efectúa a estampaxe dun tecido. A máquina de estampar de roletes está constituída por un gran tambor xiratorio ao redor do que pasa unha tea grosa continua, que fai de coxín, e unha tea acompañada de algodón; por riba disto, adaptándose ao tambor, pasa o tecido que se quere estampar. Ao redor do tambor están dispostos os roletes gravados, que exercen unha presión contra o tambor e, xa que logo, contra o tecido que se estampa. Cada rolete estampa unha cor distinta e o seu número raramente é superior a 12. Para estampar ao xeito de Lyon hai moitos tipos de máquinas, dende o simple carrete portamoldes que se vai trasladando á man ao longo da mesa onde está fixado o tecido, ata carros automáticos que fan o mesmo traballo automaticamente e que constitúen verdadeiras máquinas de gran produción. A continuación de todas as estampadoras vai asociada unha secadora especial cos cilindros de guía dispostos en espiral para que o tecido descanse só pola cara non estampada, ata que xa estea ben seco.