estampaxe
(< estampar)
-
s
f
Acción e efecto de estampar.
-
s
f
[TÉXT]
Acción de aplicar a un material téxtil branco ou tinxido liso unhas pastas colorantes formando un debuxo; de seguido, cómpre secar e fixar os colorantes case sempre por vaporización, e lavar o tecido para eliminar o espesante e os subprodutos.
-
s
f
[IND]
Conxunto de operacións ás que se somete unha prancha ou lámina metálica co fin de obter, por deformación plástica, un obxecto cunha forma xeométrica determinada. A estampaxe comprende as operacións de corte da prancha, a súa curvatura e posterior embutición, que se realiza en prensas e por medio de matrices ou estampas. Xeralmente trabállase o metal en frío, pero nalgúns casos a deformación pódese realizar en quente.
-
s
f
[TECNOL]
Operacións realizadas sobre un soporte para que a imaxe que contén poida imprimirse en papel tantas veces como sexa necesario. A impresión realízase, agás na serigrafía, mediante a presión, a man ou a máquina, dunha folla de papel en contacto coa matriz tinxida. Distínguense diversos métodos de estampaxe. A estampaxe en relevo consiste en deixar en relevo as partes da madeira ou da prancha de metal que se van imprimir en negro e o resto da prancha rebaixa; despois pásase un rolete tinxido e faise a presión necesaria para a imprimación. Neste método inclúense, entre outras técnicas, a xilografía ou gravado en madeira, a fibra ou contrafibra, o linóleo, o gravado en metal e o relevo á augaforte. A estampaxe en oco ou de talla doce consiste en realizar unha serie de ocos ou sucos, sobre a prancha de cobre ou cinc, que se rechean de tinta. A superficie non se imprime, pois límpase de tinta. Colócase un papel húmido sobre a prancha e prénsase fortemente para que só se impriman os sucos de tintas. Inclúense neste método o gravado ao buril, o gravado á punta seca, a augaforte ao verniz branco e a augatinta; e, entre os non empregados, o mezzotinto, o puntillado e á maneira do lapis. A estampaxe de superficie ou planigráfica emprégase na litografía, onde a prancha se prepara para nunhas zonas admitir tinta e noutras non, de xeito que unhas teñan impresión e outras non. As estampaxes con esterxido consisten na realización duns buracos nunha folla polos que se fai pasar a cor á superficie que se quere imprimir. Tense aplicado na coloración de gravados e na serigrafía.