estanco -ca
(< estancar)
-
adx
Que non permite nin a entrada nin a saída de auga ou calquera outro fluído.
Ex: Os primeiros compartimentos estancos do barco estaban inundados.
-
adx
Que non corre ou que está parado.
Ex: Nese lavadoiro non se pode lavar porque está a auga estanca.
-
s
m
[HIST]
Monopolio da produción e venda de determinados produtos administrados directamente polo Estado ou arrendado por este a unha compañía. O monopolio máis antigo era o do sal, que data do s XV. Non obstante , a facilidade na obtención deste mineral obrigou o Estado a centrarse no monopolio da venda. Entre 1632 e 1636 creouse na Coroa de Castela o estanco do tabaco e en 1707 estendeuse aos demais reinos españois e pasou a ser controlado directamente pola coroa. En 1887 concedéuselle o estanco a unha compañía arrendataria e o seus rendementos económicos permitiron a súa continuidade. A causa das dificultades da Real Facenda introducíronse novos estancos, entre outros, os da pólvora, do chumbo, do xofre e da pementa (1605). A maioría destes abolíronse durante o s XIX, aínda que foron creados outros novos como o dos mistos e o do petróleo e os seus derivados.
-
s
m
Establecemento onde se vende tabaco, selos de correos, impresos oficiais e outros efectos timbrados. En España, debido ao seu carácter de centro expendedor de artigos controlados e distribuídos polo Estado, a apertura dun estanco require unha concesión administrativa; antigamente, primábanse nesta os empregados públicos que sufriran, en acto de servicio, algunha eiva que lles impedía desenvolver as súas funcións no corpo en que estivesen destinados, ou as súas conxuxes en situación de infortunio familiar provocada polo deceso ou incapacidade do causante.
-
s
m
[PESCA]
Aparello rectangular dun só pano que vai amarrado nos seus extremos en dúas estacas fixas cravadas na beira dos ríos; emprégase, sobre todo, na pesca de muxos durante a baixamar.
-
s
m
Pao que se emprega para manter aberta a tapadeira da artesa.