estandarización

estandarización

(

  1. s f

    Acción e efecto de estandarizar.

  2. s f [LING]

    Proceso de unificación e modernización dunha lingua que consiste en provela dos rexistros necesarios para o seu uso en todas as funcións sociais. Prototipicamente, este proceso realízase sobre o corpus da lingua utilizado para as funcións medias e altas antes ca sobre os rexistros coloquiais e os niveis máis informais, adoito de creación espontánea e non condicionada. Trátase dunha das áreas básicas da planificación lingüística, disciplina que xurdiu na década de 1960 e que se divide principalmente en dúas seccións: planificación do status e do corpus; nesta última inclúese a estandarización. Dentro dela, algúns autores, como Einar Haugen, asignáronlle a selección, codificación, implementación social e modernización de variedades lingüísticas. A estandarización como tal pode producirse como resultado dun proceso relativamente espontáneo, en comunidades lingüísticas coincidentes cun Estado que, de xeito temperá, tomou esa lingua como propia ou oficial. Non obstante , en situacións non coincidentes con tal modelo, a estandarización ten constituído unha fonte de adaptación de variedades que previamente non desempeñaban funcións sociais denominadas “altas”, con frecuencia asociada a procesos de configuración ou recuperación de identidades nacionais ou étnicas. No caso da lingua galega, este proceso iniciouse no Rexurdimento literario e cultural do s XIX. Aínda que o galego posuía unha tradición literaria antiga, esta era descoñecida para os escritores desta época que optaron por elaborar un modelo lingüístico baseado, sobre todo, nas diversas falas orais da época. En calquera caso, ao rematar o s XIX o galego é novamente unha lingua poética e literaria. No primeiro terzo do s XX xérase a idea de facer da lingua galega algo máis ca un instrumento literario, ao converterse para as elites galeguistas tamén nun instrumento de reinvindicación claramente cultural e política, así como un elemento definitorio da cultura e a nación galegas. Isto leva a abandonar, en certo sentido, o modelo da lingua popular rural como patrón fundamental do novo galego culto. Recórrese a outras linguas de cultura, entre elas o castelán, pero tamén ao diferencialismo, adoito baseado na lingua medieval ou no portugués. Aínda que neste período non se fixa unha ortografía unificada ou un dicionario completo, o modelo de galego escrito culto, equidistante da lingua popular e das linguas próximas, queda basicamente configurado. O inicio da Guerra Civil española interrompe en boa medida ese proceso, que comezaría a retomarse paseniñamente a partir da década de 1950, inicialmente desde o grupo Galaxia. As reivindicacións culturais, sociais e políticas dos anos 60, ao abeiro dunha tímida apertura da ditadura franquista, reforzarán tales intentos. A introdución da lingua galega no ensino universitario contribuíu a tales actividades, moi especialmente trala creación en 1971 do Instituto da Lingua Galega (ILG) na Universidade de Santiago de Compostela, que tratou de promover e realizar estudios para a fixación dun galego contemporáneo válido para todas as funcións sociais. Non obstante , a estandarización da lingua galega non constituíu un proceso lineal, senón que estivo marcado por tendencias diverxentes e, en ocasións, contrapostas. Entre elas, destaca a intención de reintegrar o galego estándar e culto na lingua portuguesa. Neste sentido, pódese falar no período contemporáneo de tres correntes, constituídas, en primeiro lugar, por unha tendencia á xeración dun galego autónomo do castelán e do portugués, formada -a partir da década de 1970- polo ILG e a Real Academia Galega (RAG); unha segunda tendencia, o reintegracionismo de máximos, que acepta en esencia as normas do portugués contemporáneo; e unha terceira liña intermedia, o reintegracionismo de mínimos, que asume boa parte da estandarización contemporánea pero, ao mesmo tempo, recoñece a proximidade entre as dúas linguas e deixa aberta a posibilidade a unha futura converxencia, se se dan as circunstancias apropiadas. Entre 1970 e 1990 elaboráronse diversos métodos de aprendizaxe do galego, gramáticas e dicionarios que viñeron a suplir as carencias existentes, ao tempo que se produciu un verdadeiro salto cualitativo na estandarización do galego contemporáneo, sobre todo nas áreas léxica e gramatical. Non obstante , a situación é distinta no que aos patróns fonéticos se refire, xa que as descricións existentes son aínda incompletas e, sobre todo, porque resulta difícil a difusión social de pautas de dicción propias da lingua galega entre falantes que, coma nos medios de comunicación públicos, con frecuencia teñen o castelán como lingua de instalación. Así mesmo, o proceso encóntrase nun estadio menos avanzado no ámbito fraseolóxico, onde con frecuencia a adaptación desde o castelán é o recurso máis común no estándar galego. Conseguir superar estas dúas lagoas presenta dificultades, non tanto pola inexistencia de recursos lingüísticos endóxenos, coma polas dificultades que a difusión e implementación desas novidades presenta. Os logros conseguidos no final do s XX non obvian as necesidades aínda existentes nunha lingua que, coma o galego, soporta unha importante e continua presión externa, tanto sobre o seu corpus coma sobre o status.

Palabras veciñas

estancia | estanco -ca | estándar | estandarización | estandarizar | estandarte | Estandarte, El