etnicidade
(< étnico)
alores e normas culturais que distinguen e identifican os membros dun grupo fronte a outro. A partir das décadas dos cincuenta e sesenta o termo introduciuse na terminoloxía da antropoloxía como consecuencia directa dos procesos de descolonización e urbanización dos territorios, onde ata esas datas a antropoloxía tivera o seu campo de observación. Os estudios centráronse na análise dos elementos diferenciadores dun grupo étnico respecto doutro e na oposición complementaria de diversos grupos nun marco institucional máis amplo. O elemento que aparece con maior frecuencia como criterio simbólico diferenciador é o étnico-linguístico, aínda que en moitos casos é o contexto histórico o que establece a fronteira entre a etnicidade pertencente ao ámbito da socioloxía, da antropoloxía cultural ou da antropoloxía política. O concepto relaciónase coa orixe e a descendencia común, das que se supón que derivan as características comúns dun grupo étnico.