étnico -ca

étnico -ca

(< lat ethnĭcu < gr ἐϴνικός ‘relativo ó pobo’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a unha etnia.

  2. s m [LING/ONOM]
    1. Nome que se emprega para identificar un lugar ou territorio e o pobo que habita nel. Emprégano normalmente os antigos historiadores.

      Ex: Latinum/Latini, Venetia/Veneti.

    2. etnónimo.

  3. teatro étnico [ESPECT]

    Conxunto de manifestacións teatrais propias dunha etnia ou cultura e que conforman o seu teatro nacional. Desde os inicios do s XX, e despois das achegas de Antonin Artaud, este movemento estivo relacionado cos movementos de recuperación de moi diversas tradicións teatrais, tanto nos países veciños dos océanos Índico e Pacífico, como nos que ocupan os continentes africano e americano. A miúdo apareceu vinculado a culturas en proceso de emerxencia ou emancipación, como aconteceu con diversas propostas de teatro chicano nos EE UU. As súas manifestacións escénicas son unha mostra da súa transcendencia e vitalidade, aínda que noutros casos esas mesmas manifestacións deron conta da forza da tradición e das dificultades para iniciar a súa renovación, como aconteceu en Xapón. Tamén se adoita empregar a mesma denominación para referirse a diversas manifestacións escénicas relacionadas con representacións rituais que tiñan lugar nas primeiras culturas e que se manteñen en poboacións sen tradición escrita. Constitúen dramas rituais moi vinculados aos mitos e crenzas relixiosas que transmiten a herdanza cultural e manteñen a identidade da comunidade, que participa na súa escenificación utilizando máscaras, música rudimentaria, bailes, movemento corporal e danzas que, en ocasións, conducen á posesión dos participantes por forzas sobrenaturais. O coñecemento de tradicións teatrais existentes en países como Xapón, India, China ou México, tamén levou a etnógrafos, antropólogos, directores de escena, escenógrafos ou teatrólogos a dirixir a mirada á propia tradición, nun proceso de descuberta e valoración de vellas tradicións escénicas. Nesta liña hai que destacar o traballo realizado por Eugenio Barba en Europa ou por grupos como Els Comediants en Catalunya, La Cuadra en Andalucía ou Teatro Circo, Teatro Antroido e Escola Dramática Galega en Galicia, que contribuíron a destacar os elementos teatrais presentes en manifestacións populares como os nadais, o Entroido, os maios ou as celebracións de Semana Santa. A obra de autores como Antón Villar Ponte e Roberto Vidal Bolaño constitúe unha mostra da incorporación deses elementos da cultura e da tradición popular á creación dramática.

Palabras veciñas

etnarca | etnia | etnicidade | étnico -ca | etno- | etnoarqueoloxía | etnobioloxía