étranger, L’

étranger, L’
Nome científico: [O estranxeiro]
[LIT]

Obra de Albert Camus publicada en 1942, considerada unha das obras máis destacadas do s XX. Trátase dun relato sobre a falta de paixón que, cun estilo directo, ritmo rápido e frases curtas, penetra na mente de Meursault, un oficinista que leva unha vida simple. Un día recibe a nova da morte da súa nai no asilo en que estaba internada. Asiste ao funeral sen demostrar dor ningunha pola perda e ao día seguinte fai amizade con Raymond e inicia unha relación con Marie, unha compañeira da oficina. A amizade con Raymond lévao a asasinar impulsivamente a un árabe, feito polo que é encarcerado e xulgado pola falta de sentimentos que amosa. O autor adiantouse á súa época ao ofrecer a deprimente imaxe dun home a quen a liberdade que exercita non o engrandece nin moral nin culturalmente, senón que máis ben o desespiritualiza e priva de solidariedade, entusiasmo e ambición, volvéndoo pasivo, rutineiro e instintivo nun grao case animal. Describe a carencia de valores da sociedade contemporánea como consecuencia da frustración e a desesperanza de Europa trala Guerra Mundial, á vez que presenta a figura dun home que se nega a xogar ás convencións sociais e non mente, feito que o converte en estranxeiro na sociedade na que vive. Nesta obra e no ensaio O mito de Sísifo (1942), Camus estableceu os principais elementos do pensamento existencialista, en termos xerais: o carácter caótico, irracional e absurdo da existencia; a falta de explicación racional da realidade; a obriga do escritor de denunciar esta irracionalidade ante os seus semellantes; a aceptación por parte do home da irracionalidade da vida como un feito e a necesidade de vivir a vida con paixón para contrarrestar o absurdo. A novela propón levar o home á experiencia primaria dos sentidos, xa que fóra deles a vida, segundo o autor, carece de significado. En 1967 foi levada ao cine por Luschino Visconti e conta cunha edición galega, con tradución de Valentín Arias (1991).

Palabras veciñas

etopea | etoxietano | etoxilo | étranger, L’ | Etruria | Etruria, Reino de | Etrusca, Liga