etrusco -ca
(< lat Etruscu)
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo etrusco, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo etrusco.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo formado e desenvolvido na rexión de Etruria entre os ss VIII e I a C. Respecto á súa orixe existen tres teorías: a tese autóctona, derivada dos estudios do historiador romano Dionisio de Halicarnaso, defende a súa orixe vernácula e a súa evolución in situ a partir das culturas vilanovianas, evolución que sería similar á doutros pobos mediterráneos; a tese oriental vinculouno cun dos Pobos do Mar mencionados e representados nos relevos do templo exipcio de Medinet Habu; e unha terceira tese sitúa as súas orixes no N de Italia e vincúlaos cos itálicos que penetraron en Italia a finais do II milenio a C. Impúxose a hipótese da súa orixe autóctona e afirmouse que sobre o substrato da cultura vilanoviana, que experimentou un incremento demográfico no s VIII a C, incidiron as influencias orientais, procedentes dos fenicios e dos gregos, ata constituír o pobo etrusco. Os problemas para o seu estudio, que se derivan do descoñecemento da súa lingua, impiden a investigación directa a partir das fontes escritas, polo que se traballa a partir de fontes alleas e dos traballos arqueolóxicos. Na súa historia distínguese unha etapa de formación, que se estendeu dende o desenvolvemento da cultura vilanoviana ata finais do s VIII a C; un período de apoxeo orientalizante, que se correspondeu coa máxima extensión da talasocracia etrusca (ss VII-V a C); o inicio da súa decadencia ante as presións dos gregos e dos romanos (s III a C); e a decadencia total baixo o dominio romano. A riqueza mineira da zona de Etruria proporcionou aos seus habitantes un elevado nivel de vida que se incrementou pola súa expansión comercial por todo o Mediterráneo Occidental. Os estudios da cerámica de buchero nero, que se localizaron na costa S de Italia, nas illas de Sicilia e Sardeña, e na costa africana nos arredores de Cartago, permitiu delimitar esta expansión. As boas relacións comerciais entre cartaxineses e etruscos levounos a unirse fronte á expansión grega polo Mediterráneo na Batalla de Alalia (535 a C). Durante o s VI a C, estendeu as súas fronteiras ata o val do Río Po cara ao N e polo S cara ao Lazio e a Campania. Nos ss IV e III a C, Roma dominou as principais cidades da Liga Etrusca e posteriormente fundou colonias no seu territorio. A autonomía etrusca rematou trala Guerra dos Aliados cando se conferiu aos etruscos o dereito romano (s I a C). Respecto á súa organización política e social, parece que non existiu un poder unificado e que as doce cidades principais se reunían nunha amfitionia ou unión relixiosa cun santuario central no lago Bolsena, onde se xuntaban os xefes das doce cidades estado para elixir un xefe supremo, coñecido como lucumon, que debía reunir poderes relixiosos e, tal vez, políticos. O sistema de goberno das cidades estado foi inicialmente monárquico, pero no s V a C transformouse nunha oligarquía en que o poder residiu nas grandes familias de propietarios de terras. As tumbas etruscas, principal fonte de información, e as inscricións, proporcionan datos esenciais sobre a vida privada e a relixión etrusca e permiten deducir que a muller desempeñaba na sociedade un papel similar ao do home e que non se limitaba á esfera doméstica senón que participaba na vida pública e na política. A súa relixión era revelada e estaba marcada pola crenza na vida de ultratumba; e a súa tríade principal estaba formada polos deuses Tinia, Uni e Menra. A relixión etrusca posuía rituais complicados e específicos, entre os que destacaron as prácticas adivinatorias, que pasaron á relixión romana.
-
s
m
[LING]
Lingua preindoeuropea extinta (sen falantes desde o s I a C) que procede probablemente dunha fusión de elementos autóctonos e asiáticos. Era propia do pobo prerromano que habitaba Etruria. Os diversos intentos que se fixeron de relacionar o etrusco con linguas indoeuropeas, caucásicas ou urálicas, ou algunha outra familia non deron resultados satisfactorios e, polo tanto, considérase unha lingua illada. Non se conservan textos literarios, pero si algunhas inscricións funerarias (o Agram), escritas de dereita a esquerda, lexibles polo alfabeto, derivado do grego, pero difíciles de traducir. Malia que a súa descrición gramatical queda necesariamente incompleta porque os textos que se conservan son breves e repetitivos, segundo as representacións gráficas pódese dicir que algúns dos seus trazos lingüísticos son: non hai sonoras; dispuxo dun sistema de cinco vocais aínda que só se representan catro na escritura; os ditongos tenden a reducirse e as consoantes a acumularse; non hai xénero gramatical, pero o feminino é diferente dalgunha maneira; diferenza singular, sen desinencia, do plural, con desinencia -ar; mantén a oposición humano/non humano; a marca de dativo singular é -eri, e hai diversos xenitivos; identificáronse algúns pronomes persoais e algunhas desinencias verbais; e, no campo léxico, coñécense palabras de parentesco, de maxistrados, de tempo, de culto e de política. Hai restos de elementos lingüísticos etruscos na toponimia da zona da antiga Etruria e en determinadas características fonéticas toscanas.
-
arte etrusca
[ARTE]
Arte desenvolvida polo pobo etrusco. Caracterízase pola súa descontinuidade no tempo e no espazo e no seu estilo, pois, aínda que ten unhas características comúns, é a manifestación das distintas cidades etruscas. Ao mesmo tempo trátase dunha arte que integrou elementos procedentes das distintas culturas de Oriente e Grecia, coas que mantivo contactos culturais e comerciais e das que fixo unha adaptación persoal. Na Idade de Ferro desenvolveuse no territorio de Etruria a cultura vilanoviana (900-650 a C) de estilo xeométrico pero non identificada completamente coa cultura etrusca. A primeira etapa da arte etrusca correspóndese co período orientalizante ou arcaico (ss VII-VI a C), caracterizado por unha inicial influencia oriental e despois grega a través da cerámica de importación corintia e ática. Deste período consérvanse tumbas monumentais nas que se conservaron pinturas ao fresco. A influencia oriental maniféstase na ourivería, nos bronces e nas cerámicas, mentres que a grega se presenta na escultura con motivos de animais fantásticos e nas esculturas de terracota. As manifestacións da arte do s V a C reflectiron a crise política por medio da repetición de modelos e a partir do s IV a C convertéronse nunha manifestación máis da arte grega que no s III a C se introduciu no mundo helenístico. A arquitectura é máis coñecida polos textos e as descricións antigas que polas obras conservadas. Algúns poboados, entre outros Veyes, non tiveron unha organización urbanística regular senón que as casas se dispoñían sen ningunha orde en rúas construídas ao redor dunha praza. A casa xiraba arredor dun patio ao que se accedía por un corredor ao que se abrían as estancias. Na parte posterior da mesma situábase un xardín. Tamén son importantes as súas infraestruturas, entre as que destacou a Cloaca Máxima de Roma. Coñecían o arco e a bóveda que aplicaron á construción de estruturas defensivas e públicas como os arcos de medio punto, entre os que destaca o de Volterra. Segundo Vitrubio, os templos tiñan planta cuadrangular e estaban levantados sobre un podio ao que se accedía por medio dunha escalinata situada só na fachada. Tralo pórtico de acceso, accedíase á cela que adoitaba ser triple. Son máis coñecidas as tumbas, verdadeiras cidades para os mortos. Estaban cubertas por un túmulo cónico sobre un anel de cantería. A cuberta era plana ou de falsa cúpula e o interior acostumaba estar decorado con pinturas murais con escenas da vida cotiá, realizadas ao fresco con cores vivas con gran forza expresiva. Destacan, entre outras, as tumbas de Cerveteri, Tarquinia e Chiusi. Ademais da pintura ao fresco, tamén se pintaba sobre placas de terracota que despois se situaban nos muros. No eido da escultura descoñeceron o mármore e traballaron a terracota e o bronce. A influencia grega manifestouse no maior realismo das obras, nas dobras das vestimentas e na expresión dos rostros no denominado sorriso etrusco. Entre outras obras cómpre destacar, en terracota o Apolo de Veyes e o sarcófago de Cerveteri, e en bronce, A loba capitolina e A quimera de Arezzo. A ourivería era de formas complexas e tiña un estilo orientalizante. A cerámica era lisa e negra ou imitaba a grega de figuras negras.
-
gusto etrusco
[ARTE]
Estilo aplicado á decoración de interiores e ao mobiliario empregado no s XVIII. Caracterizouse polo contraste entre as cores branca, negra e terracota, ao modo das pinturas e murais localizados nas escavacións de Pompeia, Herculano e Paestum, que se asociaban aos etruscos. No Reino Unido cultivouno, entre outros, Robert Adam e en Francia tivo o seu esplendor durante o Directorio.