Eubea

Eubea

Nomós de Grecia, formado polas illas de Eubea e Skyros, situado no Mar Exeo, ao SL da Península Balcánica, desde Tesalia ao NO ata as illas Cícladas ao SL (4.167 km2; 208.408 h [1991]). A capital é Calcis. O seu relevo presenta abundantes formas cársticas. A poboación é principalmente rural e concéntrase na costa. A principal actividade económica é a gandería e nas chairas hai cultivos mediterráneos e tabaco. Tamén son importantes os xacementos de lignito, bauxita e magnesita. A industria redúcese a unhas poucas fábricas de cemento e papel. Incorporada á civilización exea desde o Heládico Antigo II, estivo moi influenciada pola cultura cicládica (2450 a C). Permaneceu á marxe das invasións dóricas, o que lle permitiu desenvolver o comercio da obsidiana coas costas asiáticas do Mar Exeo. O enriquecemento dos propietarios rurais, dedicados á cría de gando e ao comercio, produciu o empobrecemento dos pequenos campesiños libres, que tiveron que emigrar ás novas colonias. As cidades de Histea, Estira, Caristo, Calcis e Eretria estableceron ao longo do s VIII a C máis de trinta e dúas novas colonias. Eretria estableceuse en Corfú, feito que lle permitiu dominar o Mar Adriático. Calcis fundou Cumas na Magna Grecia e Naxos en Sicilia (735), á que posteriormente sucederon Parténope, Neápolis e Pozzuoli. No s VII a C Calcis, apoiada por Samos e Corinto, enfrontouse a Eretria, aliada con Megara, Aixina e Mileto, na Guerra Lelantina que acabou coa vitoria de Calcis e a conseguinte ruína comercial de Eretria. Non obstante , Calcis non puido evitar a caída das súas colonias no ámbito de influencia de Corinto e de Atenas. Tralas Guerras do Peloponeso, a illa pasou á esfera de influencia tebana ata finais do 358, cando volveu á ateniense. No 196 a C converteuse en protectorado romano, formou parte da provincia romana de Acaia e tivo moita sona polos seus mármores. Durante a época medieval a illa recibiu o nome de Negroponte e foi ocupada primeiro polos cruzados (1204) e, posteriormente, polos lombardos e venecianos (1351). No s XV caeu baixo poder turco, ata que en 1821 se produciu unha revolta que preparou a unión da illa a Grecia.