Euglena

Euglena
[PROTISTA]

Xénero de algas, da división dos euglenófitos, de aspecto fusiforme e sen parede celular. Son pouco ríxidos e a súa conformación depende dunha serie de bandas proteicas dispostas, baixo a membrana plasmática, de xeito helicoidal, que constitúen o periplasto. Posúen un flaxelo longo que sobresae do reservorio, con mastigonemas nunha fila e cun engrosamento no extremo proximal. Presentan un núcleo grande e a división nuclear é interna, sen rotura da membrana nuclear -os microtúbulos fórmanse dentro do núcleo, pero non se crea un típico fuso acromático-. Amosan unha mancha ocular que actúa coma un filtro da luz antes de chegar á protuberancia flaxelar. Os cloroplastos son numerosos e con forma de lente ou aplanados, cada un cun pirenoide. Cando proliferan poden formar na superficie das augas unha escuma verde que trala insolación se torna vermella. A especie máis frecuente é E. viridis. Entre as especies saprófitas, que viven sobre substancias en descomposición, destacan a E. glacilis e E. tripteris.