euglenófito -ta
(< lat científico Euglena)
-
adx
Relativo ou pertencente ás euglenófitas.
-
s
f
[PROTISTA]
Alga da división das euglenófitas.
-
s
f pl
[PROTISTA]
División de algas unicelulares de forma fusiforme, piriforme e flaxelados. Normalmente presentan un flaxelo -inserido nun polo da célula- cunha fila de mastigonemas, pero pode haber un segundo flaxelo máis curto unido á base do flaxelo longo. O xénero Colacium é colonial e as células aparecen unidas por unha matriz xelatinosa, aínda que conserva os flaxelos nun reservorio. Por outra parte, algunhas especies presentan unha cuberta mineralizada. No interior da parte anterior da célula existe unha dobrez cara a dentro continuada por unha canle que penetra nun gran vacúolo. As euglenófitas presentan un periplasto formado por un conxunto de bandas encaixadas unhas dentro doutras que lles permiten desprazarse por movementos de contracción e expansión. O flaxelo está suxeito na base dun reservorio onde descargan vesículas contráctiles. Teñen un estigma constituído por gotas de lípidos de cor alaranxada que é fotosensible; tamén adoita ser visible un núcleo de gran tamaño, disposto no polo oposto ao dos flaxelos. Estes seres vivos probablemente proceden da endosimbiose dun protozoo e dunha alga verde primitiva. Aproximadamente 1/3 das especies son fotosintéticas e o resto heterótrofos obrigados e especies tipicamente fotoautótrofas que se volven heterótrofas en condicións de escuridade e cos nutrintes suficientes. As euglenófitas fotoautótrofas presentan como pigmentos as clorofila a e b, beta-carotenos e xantofilas: astaxantinas, euglenorodonas e hematocromos. Estes pigmentos están en cloroplastos lenticulares, acintados, reticulados ou estrelados. Como substancias de reserva contan con paramilo -constituído por agregacións lineares da glucosa beta-1-3-glucano que aparece en grandes corpúsculos- e crisolaminarina -que é beta-1-3-glucano ramificado-. Só se coñece nesta división a reprodución asexual, mediante división lonxitudinal do corpo da alga a partir do punto de inserción do flaxelo. Tamén contan coa capacidade para producir quistes de resistencia en condicións ambientais adversas. Coñécense unhas 800 especies, as máis delas viven na auga doce, aínda que tamén están presentes en solos, lamas salobres, sobre a neve ou endozoicamente en invertebrados, rotíferos, nematodos, platihelmintos, oligoquetos, copépodos e no intestino de larvas de anfibios. Unhas poucas especies viven en augas mariñas. Os xéneros máis característicos son a Euglena, Phacus e Trachelomonas.