Eurovisión
Organismo europeo de televisión encargado de coordinar a interconexión das diversas redes de 26 estados de Europa, o N de África, Chipre, Israel e Xordania. O seu centro administrativo está situado en Xenebra, mentres que o centro técnico se localiza en Bruxelas. Para a realización de programas en común debeu resolver os diferentes problemas técnicos derivados, sobre todo, das diferentes normas de televisión existentes, especialmente a inglesa e a francesa, e tamén os diversos sistemas de televisión en cor. A primeira retransmisión por Eurovisión tivo lugar en 1954. Anualmente, celebra un festival da canción no que cada país envía un representante. A sede deste concurso musical varía en función do país que resultara gañador na edición anterior. España, que participou por vez primeira en 1961, conseguiu o primeiro posto en dúas ocasións, coa cantante Massiel en 1968, e con Salomé en 1969.