Eusko Alderdi Jeltzalea-Partido Nacionalista Vasco
Partido vasco creado en 1895 por Sabino de Arana. Limitado inicialmente a Bizkaia, estendeuse a comezos do s XX ás outras provincias vascas do territorio español. En 1911 creouse na súa órbita o sindicato ELA-STV (Solidaridad de Trabajadores Vascos). Participou nas eleccións municipais e provinciais con éxito, ata que en 1921 graves crises internas o conduciron a unha situación límite e a diversos fracasos electorais. Na Segunda República converteuse no máximo defensor da autonomía e do Estatuto. Trala sublevación de xullo de 1936, mantívose fiel á legalidade republicana e no mes de outubro seguiu participando nun goberno autonómico que presidiu o lehendakari José Antonio de Aguirre. Trala toma de Bilbao (xuño de 1937), o nacionalismo marchou ao exilio, instalándose o grupo principal do partido en Francia, onde tomou parte na resistencia durante a ocupación nazi. Volveu á loita clandestina ata a súa legalización en 1977. Desde entón foi a forza preponderante nas sucesivas consultas electorais. O partido foi presidido desde 1980 (agás o período 1984-1986) por Xabier Arzalluz. Tralas primeiras eleccións autonómicas (marzo de 1980) constituíuse, baixo a presidencia de Carlos Garaikoetxea, un goberno vasco monocolor que permitiu ao EAJ-PNV liderar o proceso autonómico. Revalidou o seu triunfo nos comicios autonómicos de 1984, pero xurdiron no seo do partido discrepancias arredor da articulación da comunidade, que deron lugar á dimisión do lehendakari Garaikoetxea (1985), substituído por José Antonio Ardanza, que ocupou o cargo ata 1998. Pouco despois, Garaikoetxea protagonizou unha escisión fundando Eusko Alkartasuna (EA). Entre 1993 e 1996 colaborou nos gobernos en minoría socialista e popular no Parlamento español. Trala ruptura do Pacto de Ajuria Enea (1988), e o anuncio de tregua de ETA, asinou en setembro de 1998 a Declaración de Lizarra, de carácter soberanista. En outubro de 1998, volveu gañar as eleccións autonómicas, e Juan José Ibarretxe foi nomeado lehendakari co apoio de Euskal Herritarrok e de EA. Nas eleccións autonómicas do 2001 presentouse en coalición con EA, conseguindo 33 escanos.