facultade
(< lat facultāte)
-
s
f
Capacidade ou aptitude física ou psíquica para realizar algunha función.
Ex: Esa muller ten a faculdade de adiviñar o futuro. OBS: Adoita empregarse en plural. Ex: Xa ten as súas facultades mentais trastornadas.
-
s
f
Poder ou dereito para facer algo.
Ex: O xefe deulle a facultade para decidir no seu lugar.
Sinónimos: potestade. -
s
f
[FILOS]
Posibilidade física ou moral de facer algo. Desde o inicio da filosofía distinguíronse tres facultades da alma: a sensibilidade ou poder de experimentar sensacións; a intelixencia ou poder de comprender; e a actividade ou poder de actuar. I. Kant desenvolveu por completo a teoría das facultades do coñecemento humano e distinguiu tres facultades: a sensibilidade, como capacidade humana para producir fenómenos, sendo estes a suma dos datos empíricos e as formas a priori da sensibilidade; o entendemento, encargado de atrapar os fenómenos e comprendelos a través dos conceptos empíricos ou puros, tamén coñecidos por categorías; e a razón, que reflexionaría sobre os nóumenos ou cousas en si e sobre os límites supremos do coñecemento humano.
-
s
f
[EDUC]
-
Unidade institucional e académica de ensino superior, integrada con outras nunha universidade. Como tal, pode agrupar no seu interior unha ou varias titulacións universitarias conectadas entre si conceptualmente, implicando a presenza e articulación académica do profesorado nun ou varios departamentos, que desenvolven funcións docentes e investigadoras. A historia das facultades universitarias comezou co propio nacemento dos estudios xerais a fins do s XII, denominados desde o s XV universidades. A partir dos primeiros estatutos universitarios da Universidade de París (1215), os estudios xerais adquiriron un modelo básico de organización institucional coa presencia, por unha parte, da figura do reitor e da do claustro, entre outras, e, por outra, mediante a organización facultativa dos estudios que alí se daban. Foi así como se ordenou unha facultade de estudios propedéuticos (en certo sentido, de iniciación), a de artes, que co tempo tamén se chamou de filosofía, considerada unha facultade menor, e outras facultades, coñecidas como maiores, que foron a de teoloxía, a de canons-leis e a de medicina. Para todas elas, foise definindo durante o s XIII unha secuenciación de estudios e unha metodoloxía, que gozaron de moita estabilidade no tempo, ademais de deseñarse varios niveis académicos posibles en todos os casos: o de bacharel, o de licenciado e o de doutor; este último adquiriu tamén a denominación de mestre (magister) nos casos das facultades de artes e de teoloxía. Co progreso moderno da ciencia, as facultades de artes dividíronse en dúas: facultade de letras (chamada tamén facultade de filosofía e letras) e facultade de ciencias. O desenvolvemento dos estudios modernos deu lugar a outras facultades (dereito, filoloxía, filosofía, medicina, farmacia) e ás chamadas escolas superiores (enxeñería, arquitectura, telecomunicacións), un esquema de facultades ampliado e de-señado, sobre todo, mediante as reformas napoleónicas da universidade francesa de 1805 e que gozou tamén de alta pervivencia. Nas últimas décadas as estruturas universitarias europeas coñeceron notables transformacións, entre as que están a diversificación crecente de facultades universitarias sempre integradas nas respectivas universidades. Cada facultade está dirixida por un decano, asistido polo correspondente consello de facultade, e goza de certa autonomía respecto á propia universidade.
-
Conxunto de profesores e alumnos que integran unha facultade.
-
Edificio onde se instala unha facultade.
-
-
facultade real
[HIST]
Cédula real para a fundación de morgados, para allear bens vinculados ou para impor cargas sobre estes.