familia

familia

(< lat familĭa)

  1. s f
    1. [ANTROP/CULT]

      Unidade social formada por un conxunto de individuos vinculados por relacións de matrimonio, parentesco ou afinidade, que conviven e organizan colectivamente a vida cotiá ou parte dela. A familia biolóxica, que se basea nunha necesidade de emparellamento e continuidade e que está constituída polo pai, a nai e os fillos da parella, non sempre coincide coa familia social. O elemento que define a familia é o recoñecemento social que vincula a parella ou matrimonio e a súa descendencia dentro do sistema social. Entre as diversas funcións que realiza a familia inclúese a ordenación das relacións entre os sexos, a cohesión entre os individuos, a organización da economía e a transmisión das normas morais e das crenzas. Fronte á variedade de funcións que desempeña, non existe unha forma esencial ou natural da familia, senón que presenta formas moi diversas que só coinciden nun factor: a prohibición do incesto como feito antisocial. L. H. Morgan, na obra Systems of Consanguinity and Afinity of the Human Family (Sistemas de consanguinidade e afinidade da familia humana, 1871), fixou a teoría, xa descartada, sobre a estrutura familiar a partir da organización biolóxica e económica. Distinguiu quince etapas dende a promiscuidade total ata a monogamia. Os estudios posteriores de antropoloxía clasificaron as diversas formas de organización familiar sen pretender determinar unha liña evolutiva. Segundo o modelo de unión, pódense distinguir as familias monogámicas, constituídas pola unión de dous individuos; e as poligámicas, nas que se poden diferenciar as poliándricas, formadas pola unión dunha muller e varios homes, e as polixínicas, unión dun home con máis dunha muller. Outras clasificacións responden aos modos de produción, entre as que se diferencian: o sistema nómade, o sistema sedentario e o sistema posindustrial de automatización. Segundo as formas de parentesco, en Europa distinguíronse a partir do s XVI diferentes tipos de familias. O modelo de familia comunitaria, na que convivían diversos núcleos matrimoniais de pais e fillos, ou doutras combinacións de parentesco, relacionábase con prácticas hereditarias desiguais e satisfacía a necesidade de acumular gran cantidade de man de obra non remunerada. Foi frecuente nas rexións da Europa do Leste definidas polos grandes dominios señoriais, tamén en rexións da Italia Central e no Poitou e na Auvernia, en Francia. A familia troncal defínese pola convivencia co matrimonio dun dos fillos, quen herdará as propiedades, mentres que o resto dos irmáns permanecían solteiros na casa, marchaban á emigración ou casaban e integrábanse noutras familias. Este tipo de familia, característico de rexións de montaña dedicadas á gandería, pode localizarse en diversas áreas do S de Francia e dos Alpes, nos Países Bálticos e no N de Portugal. A familia nuclear ou conxugal está formada exclusivamente pola parella e os seus fillos solteiros, que despois de casar marchan do fogar e constitúen un novo núcleo (neolocalismo). A flexibilidade desta estrutura familiar, que se adaptaba ás diversas prácticas hereditarias, explicaría a súa presenza tanto na Europa Central como na Meridional. Os cambios socioeconómicos que apareceron en Europa a partir do s XVIII e que racharon as bases estruturais das familias complexas, ocasionaron a inevitable fragmentación da propiedade entre os herdeiros e favoreceron a difusión do modelo de familia nuclear ou conxugal nunha etapa de incremento demográfico. Este modelo familiar estendeuse durante o s XIX nos medios urbanos, froito da súa adaptación á ideoloxía empresarial. Trala promulgación dos códigos civís a partir do modelo francés de 1804, produciuse unha paulatina unificación do dereito en materia hereditaria en cada país, ao tempo que se impuxo este modelo de familia nuclear. A familia rural galega que se inscribe dentro das denominadas familias troncais, caracterízase pola convivencia de tres xeracións: avós, pais e fillos. O caso galego presenta algunhas peculiariades de cara a conseguir un novo membro procedente doutro grupo. Segundo o xeito que ten unha familia de constituírse, distínguense familias virilocais ou patrilocais cando existe un núcleo doméstico que busca unha muller para casala cun fillo e que resida na casa do home. Este tipo de familia foi habitual nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Doutra banda, as familias matricolais ou uxirolocais caracterízanse pola busca dun marido para a filla, que residiría na casa da muller. Este modelo de familia localizouse nas áreas costeiras e tiña certa presencia nalgunhas rexións cara ao interior. Presentaba a vantaxe de que as mulleres dos mariñeiros convivisen cos seus pais e irmáns durante as prolongadas ausencias dos seus maridos. Na provincia de Ourense predominou o modelo de familia ambilocal, que se caracterizaba por permitir a nova parella establecerse de xeito patrilocal ou matrilocal. No SO da provincia de Ourense, nunha área na que predominaban os traballadores ambulantes, deuse un tipo de familia denominado natolocal e que se caracterizaba pola permanencia dos fillos e fillas tralo seu matrimonio no lugar de residencia dos seus pais. Cando recibían a herdanza, nalgúns casos en vida, marchaban a vivir á súa propia casa. Nas áreas urbanas ou nas parroquias próximas ás cidades constituíronse familias neolocais, como consecuencia do establecemento das parellas de asalariados nunha nova casa independente da dos seus pais. Segundo a definición aceptada pola antropoloxía, toda familia debe cumprir cunha serie de funcións: a sexual, a económica, a reprodutiva e a socializadora. No caso galego, a familia tradicional caracterizouse pola súa permisividade e tolerancia sexual, sen deixar de orientala no camiño marcado pola comunidade. No eido económico desenvolveu un papel como unidade de produción, que satisfacía as necesidades internas e xeraba un excedente que aseguraba a continuidade do sistema, ao tempo que afrontaba diversos gastos (vodas, bautizos, enterros) pola súa integración na sociedade e satisfacía o pago de diversas cantidades en concepto de foros e impostos. A familia conectaba ademais as funcións reprodutora e sexual canalizándoas cara á perpetuación da sociedade, pero fronte á escasa tolerancia doutras sociedades campesiñas, no caso galego toleráronse as prácticas sexuais fóra do matrimonio. Unha das pecularidades da función socializadora en Galicia foi que tradicionalmente este papel recaeu con frecuencia na xeración máis vella, nos avós, que fixaban valores e costumes, establecendo os elementos necesarios para o desenvolvemento social.

    2. Conxunto de persoas descendentes dunha mesma liñaxe.

      Ex: É dunha familia nobre.

  2. s f

    Conxunto dos fillos dunha parella.

    Ex: Levan cinco anos casados e aínda non teñen familia.

  3. s f

    Conxunto de cousas que teñen unha orixe e características comúns que fan que se perciban como parte dun grupo.

    Ex: A gran familia do circo chegou á cidade con todos os animais.

  4. [MAT]
    1. s f

      Conxunto de curvas ou superficies que teñen a mesma ecuación diferencial. Así, a ecuación dunha familia depende dun número determinado de parámetros, e obtense para cada xogo de valores dos parámetros unha curva ou superficie da familia.

    2. familia de conxuntos

      Colección de conxuntos que teñen unha característica común. Represéntase por (A i ) iÎI , onde Ai é cada un dos conxuntos da familia e I un intervalo do conxunto dos números naturais.

  5. s f [BIOL]

    Categoría taxonómica situada entre o xénero e a orde. Comprende un conxunto de xéneros que están relacionados por medio dunha serie de características comúns. En botánica, os nomes das familias fórmanse, xeralmente, cos sufixos -áceas e en zooloxía con -idos.

  6. familia de ciclóns [METEOR]

    Secuencia de ciclóns, en número de 3 a 6, que se produce na fronte polar entre dúas invasións de aire polar nas baixas latitudes.

  7. familia léxica/de palabras [LING]

    Conxunto de palabras que comparten un núcleo de significado léxico común, manifestado a través dunha mesma raíz (p ex: amor, amar, amorío, etc).

  8. familia lingüística [LING]

    Conxunto de linguas que comparten unha orixe común e que se agrupan baixo un mesmo phylum (macrofamilia). Así, por exemplo, o phylum indoeuropeo inclúe as familias lingüísticas románica, xermánica, celta, báltica, eslava e indoirania, ademais das linguas illadas (grego, albanés e armenio).

  9. [DER]
    1. familia matrimonial

      Familia constituída a partir do matrimonio contraído segundo as disposicións legais. Concédeselle a plenitude dos dereitos, tanto no que respecta ás relacións conxugais como ás paterno-filiais e parentais. Na orde patrimonial estrutúrase segundo o réxime conxugal que decidan os contraentes (de bens gananciais ou de separación de bens).

    2. familia non matrimonial

      A formada a partir dunha parella que non contraeu matrimonio.

  10. familia relixiosa [RELIX]

    Conxunto dos membros dunha comunidade, orde ou congregación.

  11. familia xénica [XEN]

    Conxunto de xenes que teñen localización cromosómica distinta, pero que son idénticos ou moi semellantes en canto á súa secuencia de bases, e que proveñen da duplicación dun xene ancestral.

  12. sagrada familia [RELIX]

    Festa litúrxica católica en honor de Xesús, Xosé e María. Iniciada na Contrarreforma, recibiu un gran pulo trala constitución da Asociación Mundial da Sagrada Familia (1861). Celébrase o domingo despois do Nadal.

Frases feitas

  • En familia. Con xente de confianza.

Refráns

  • Alá me leve Deus, ande ache dos meus.
  • Ó parente, axudalo.
  • O que dos seus desespera, dos alleos mal lle veña.
  • Quen aos seus non agarima, a ninguén agarimo pida.